
A Consellería de Economía e Industria pon en marcha o Rexistro Galego de Comercio, un dos instrumentos máis eficaces para o desenvolvemento e modernización do sector galego que estaba previsto ademais na nova Lei de Comercio Interior de Galicia, en vigor dende o pasado 18 de xaneiro. Así o explicou a directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, durante unha rolda de prensa na que sinalou que este novo Rexistro permitiralle ao goberno galego dispor de información actualizada da estrutura comercial de Galicia e, polo tanto, facilitar a toma de decisións e favorecer o impulso das políticas máis axeitadas para o sector en materia de Comercio.
O Rexistro Galego de Comercio nace con tres seccións á disposición dos cidadáns, na páxina web da Consellería de Economía e Industria: a de persoas comerciantes con establecemento permanente, a de venda ambulante e a de asociacións de comerciantes. As restantes seccións (de franquicia, de venda a distancia e de establecementos non permanentes) poñeranse en marcha unha vez que se aprobe o correspondente Decreto polo que se regula o Rexistro Galego de Comercio e que na actualidade se atopa en proceso de tramitación.
Nava Castro lembrou que o Rexistro Galego de Comercio ten carácter público e que a inscrición será voluntaria e gratuíta, aínda que se considerará un requisito indispensable para optar a calquera das liñas de axuda convocadas pola Administración ou para participar activamente nos programas específicos.
Durante a súa intervención, a directora xeral de Comercio indicou que os obxectivos principais deste novo Rexistro son ofrecerlle á administración a información necesaria sobre a estrutura comercial da Comunidade Autónoma, así como facilitarlle o exercicio das funcións de vixilancia, verificación e constatación do cumprimento da lei, contribuír á definición de políticas de axudas públicas que respondan aos intereses do sector, garantir os dereitos dos consumidores e usuarios e funcionar como unha ferramenta de simplificación administrativa.
Nava Castro destacou a importancia clave do comercio de proximidade para a economía galega, tanto por volume de emprego e de negocio como pola súa función social, polo que constitúe un sector que conta cun compromiso total por parte do goberno galego, que xa o demostrou co impulso á nova Lei de Comercio, máis actualizada e máis acorde cos intereses reais do sector, na que estaba prevista a creación deste Rexistro. É fundamental contar cunha ferramenta que nos ofreza unha visión completa e actual da nosa estrutura comercial e que nos sinale tanto os seus puntos fortes como as súas deficiencias, explicou a directora xeral de Comercio.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.