
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado propoñen para este verán un programa de dinamización lingüística dirixido a fomentar o uso do galego entre a mocidade a través dos campamentos que organiza a Xunta de Galicia. Así o explicaron os responsables dos dous departamentos, Anxo Lorenzo e Ovidio Rodeiro, respectivamente, durante a sesión formativa que organizaron para lles presentar os materiais deste programa aos responsables dos campamentos.
O galego campa ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento en galego das actividades dos campamentos de verán e mais facilitarlles recursos aos monitores e monitoras para a realización de actividades que animen os rapaces e as rapazas a se expresaren nesta lingua, asegurou Anxo Lorenzo durante a súa intervención.
Para isto, o programa conta con diversos materiais. O fío condutor da iniciativa constitúeo o disco Desaparafusador de gominola, que inclúe cancións divertidas e orixinais de diversos estilos musicais (funky, folk, rap...), interpretadas por profesionais da música galega de primeira liña, como son Pedro e Pablo Pascual, Guadi Galego, Najla Shami, Ramón Bermejo, Germán Díaz, Quim Fariña etc.
Propostas lúdicas para favorecer o xogo en galego
Este disco vai acompañado dunha proposta de actividades variadas para realizar nos campamentos, con dinámicas lúdicas que pretenden favorecer o desenvolvemento do xogo en galego por parte dos rapaces e das rapazas asistentes. Estas actividades, que na súa primeira edición teñen como destinatarios principais os nenos e nenas de 9 a 12 anos aínda que útiles e axeitadas desde os 6 ata os 14 están deseñadas para ampliar as habilidades de comunicación oral en galego, practicar a expresividade neste idioma e fomentar a súa escrita a través de propostas lúdicas.
Xunto con estes obxectivos prioritarios, as actividades do programa tamén pretenden reforzar a cohesión grupal a través do xogo lúdico, traballar a expresión corporal, identificar a linguaxe musical coa estimulación, os sentimentos e as texturas, difundir o coñecemento sobre a música galega, traballar a escoita, a percepción e a observación, e potenciar a creatividade dos máis novos.
Os materiais do programa, accesibles na rede
A Secretaría Xeral Política Lingüística ten accesibles no seu web os materias de O galego campa co fin de que todos os monitores e as monitoras dos numerosos campamentos que se realizan en Galicia durante o verán poidan aproveitar os diversos recursos deste programa de dinamización lingüística. Os temas das cancións que conforman o CD Desaparafusador de gominola e mais as fichas das actividades, coa explicación detallada do seu desenvolvemento, poden descargarse a través do enderezo electrónico http://www.xunta.es/linguagalega/o_galego_campa.
Propostas de lecer para a mocidade
As franxas de idade máis novas constitúen unha prioridade na actuación da Xunta de Galicia. Ademais das iniciativas postas en marcha para a promover o uso do galego neste sector, o Goberno galego investirá este ano máis de 3,2 millóns de euros na campaña de verán dirixida á mocidade galega, a través da Consellería de Traballo e Benestar. Grazas a este investimento, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado incrementará nesta edición a oferta nun 4,5 por cento máis de prazas que en 2010, de xeito que chegará en 2011 ata as 9.300.
Ademais, cabe destacar que esta oferta permitirá a contratación de máis dun millar de mozos e mozas como monitores de tempo libre. A campaña de verán oferta prazas en campamentos para menores de 18 anos, para actividades para maiores de 18 anos; e para campos de traballo. Ademais, resérvanse prazas para descendentes de galegos e galegas residentes no exterior e para persoas discapacitadas, menores tutelados pola Xunta e fillos e fillas de vítimas da violencia de xénero para que tamén poidan participar nestas actividades.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.