Notas de prensa

Expertos internacionais en comunicación institucional debaten na Illa de San Simón

A Illa de San Simón acolle o 13 de maio un simposio internacional de protocolo con destacados expertos en comunicación institucional procedentes de España, Portugal e Latinoamérica.

A Illa de San Simón, Illa do Pensamento, acolle o venres, 13 de maio, o I Simposio Internacional de Protocolo Institucional e Corporativo, organizado pola Fundación Illa de San Simón en colaboración cos Cursos Complementarios de Comunicación e Protocolo da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo.

Neste encontro participarán especialistas de toda España, desde expertos, diplomáticos e representantes das tres universidades de Galicia, así como as de Salamanca, Sevilla e Internacional de Barcelona, ata altos funcionarios, estudosos, profesionais e profesores de Portugal e Iberoamérica. Tamén acudirán ao encontro responsables de protocolo de institucións das autonomías e do Estado e representantes de entidades colexiais e corporativas. O obxectivo é estudar a situación actual das políticas de comunicación institucional vixentes en Europa e América e establecer un marco de conclusións sobre o alcance e a función deste esencial aspecto da actividade das empresas e as institucións.

Este simposio celebrarase tras o curso complementario de protocolo que se está a desenvolver na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, enmarcado no proxecto Illa do Pensamento, que está a consolidar a illa de San Simón como un centro de reflexión debate e creatividade con proxección internacional. Nesta ocasión, o fermoso arquipélago da ría de Vigo acollerá un selecto grupo de profesionais que representan a institucións tan diversas como a Consellería do Interior da Generalitat de Cataluña, a Cámara Municipal do Porto, a Escola Náutica Arxentina ou o Instituto Superior de Eventos e Protocolo.

Abrirá as xornadas o director xerente da Fundación Illa de San Simón, Francisco Javier Alonso González, e da introdución do temario encargaranse Fernando Ramos, doutor en Ciencias da Información e profesor titular de Xornalismo da Universidade de Vigo e presidente da Comisión de Deontoloxía da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo, e Rafael Vidal e Gómez de Travecedo, xefe de Protocolo da Deputación da Coruña e presidente da Asociación de Técnicos de Protocolo de Galicia.

O relatorio principal correrá a cargo do diplomático Gustavo de Arístegui, que disertará sobre Cultura e Protocolo: Convivencia e coexistencia co mundo musulmán. A continuación intervirá Seguirano Manuel Pinto Teixeira, doutor en Xornalismo e xefe do Gabinete Técnico da Cámara Municipal do Porto (Portugal) cunha conferencia titulada Como defenderse dos medios nun contexto adverso e salvar a imaxe institucional. Un caso práctico?. Pola súa banda, Horacio Vázquez, xefe de Extensión e Vinculación Universitaria da Escola da Escola Náutica Arxentina e comandante de Terzo de Galegos referirase ao Protocolo Iberoamericano versus protocolo europeo. O que nós conservamos, en tanto que María Teresa Otero, ex xefa de Días Nacionais da Exposición Universal de Sevilla, abordará o tema Os días nacionais nunha Exposición Universal. A experiencia de Sevilla 92. Protocolo de alto nivel...Ou non?. Por último, José Luis Delgado, codirector do Máster de Protocolo da Universidade de Salamanca, analizará os Problemas de representación nos actos protocolarios.

Tras destas intervencións, abrirase o debate coa participación dos diversos especialistas presentes, que porán en común as súas experiencias. As conclusións deste simposio serán recollidas e publicadas posteriormente para a súa difusión a toda a comunidade profesional e científica interesada na materia.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-05-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES