Notas de prensa

Un concerto de Operación Triunfo (OT) pecha o programa Innova-Te

Lara Méndez presentou o evento de clausura da carpa @, que se celebrará na Praza de Augas Férreas e incluirá actividades gratuítas de formación, divulgativas e lúdicas o 17 de maio en horario continuado de 11 da mañá a 11 da noite.

A aula de formación itinerante do programa Innova-TE da Deputación, posta en marcha para difundir entre os lucenses como funciona a Administración Electrónica e a súas vantaxes, concluirá as súas actividades o día 17 de maio cunha xornada especial que terá como prato forte o concerto de 8 dos concursantes que participaron na edición deste 2011 do programa televisivo Operación Triunfo.

A Vicepresidenta Segunda do organismo provincial, Lara Méndez, presentou en San Marcos o evento de clausura da carpa @, que se celebrará na Praza de Augas Férreas e incluíra actividades gratuítas de formación, divulgativas e lúdicas de xeito continuo entre as 11 da mañá e as 11 da noite. A data elixida non é casual, senón que se fixo coincidir coa conmemoración das Letras Galegas, dedicado a Lois Pereiro, e do Día de Internet. Neste senso, Méndez subliñou que “celebrarase nunha praza nova como o programa Innova-TE e como son as novas tecnoloxías, pero non por iso menos importante senón todo o contrario. Esta é unha zona que hai que potenciar e que ten cabida para realizar moitos eventos coma este co que culminaremos esta carpa que estivo itinerante por toda a provincia”.

Os artistas de OT que estarán na aula de Innova-TE son Nahuel (o gañador), Jefferson, Niccó, Alexandra, Roxío, Alex, Josh e o galego Ramil. Pola mañá –entre as 12:00 e as 14:00 horas- firmarán autógrafos en fotos e pósters ós asistentes á carpa e pola noite, a partir das 21:30 horas, ofrecerán un concerto tanto dentro da instalación, como fóra, nun escenario montado para a ocasión.

Na cita do día 17 manterase polo demais as actividades que se viñeron desenvolvendo na @ ó longo dos últimos meses: taller de DNI electrónico, sorteos de diverso material tecnolóxico imprescindible para o uso da e-Administración, como lectores de DNI, chaves USB, ebooks (lectores de libros electrónicos) e netbooks (ordenadores portátiles de baixo custe e reducidas dimensións); unha pantalla táctil co libro guía das rutas do programa Km0 da Deputación; o denominado espazo “365”, unha aplicación de apoio escolar para nenos e pais; e unha aplicación de realidade aumentada, estas dúas últimas cedidas por Movistar. Como verdadeiro espazo tecnolóxico, esta carpa pioneira, de 120 metros cadrados e cor vermella, conta con sinal wifi gratuíta para conectarse a Internet, grazas á colaboración de Vodafone.

A aula formativa do Innova-TE dá a coñecer así mesmo a experiencia de empresas da provincia que implantaron con éxito as novas tecnoloxías no seu modelo de negocio. Nesta ocasión, as firmas participantes son Porco Celta da Fonsagrada e a adega Vía Romana de Chantada, que expoñerán a súa actividade e produtos, e ofrecerán degustacións. A Vicepresidenta Segunda da Deputación recordou que dende principios do ano pasado a carpa @ estivo en 9 eventos celebrados por toda a provincia, nos que mostrou a e-Administración a preto de 80.000 persoas.

O proxecto finalizará o 30 de xuño

O plan Innova-TE, impulsado pola Deputación para despregar a Administración Electrónica na provincia de Lugo, estará concluído o 30 de xuño. Dotado con 9 millóns de euros de orzamento, que aporta a Unión Europea nun 70%, permitirá ós cidadáns manter unha relación fluída e transparente coa administración, ademais de acadar un importante aforro de tempo e diñeiro á hora de facer xestións diarias. Co proxecto, os lucenses poderán facer 147 procedementos administrativos on line, 79 municipais e 68 coa Deputación.

Este programa resulta totalmente gratuíto para os 49 concellos adheridos. Deles, un total de 27 teñen implantada a día de hoxe a e-Administración e os 22 restantes poñerana en marcha de maneira progresiva nas vindeiras semanas. Inicialmente, os entes locais participantes no proxecto eran 51, pero Xove e Vilalba desvinculáronse por falta de interese e implicación. “Esta foi unha aposta clara e decidida da Deputación polas novas tecnoloxías, polo que xa lamentamos en varias ocasións que non se sumasen o 100% dos Concellos porque cremos que é o futuro. Ademais era un programa totalmente gratuíto para todos os Concellos, non lle costaba nin un só euro ás arcas municipais. As novas tecnoloxías son a canle para facer unha provincia competitiva e con capacidade de desenvolvemento”, engadiu a Vicepresidenta Segunda.

As localidades con este servizo activado xa teñen dispoñibles os 79 trámites previstos no ámbito municipal. En canto á Deputación, están implantados na actualidade 51 de 68. As entidades locais tamén poden renovar a súa páxina web a través o plan, modernizándoa e mellorando a súa accesibilidade e navegación. A gran maioría dos participantes -39- teñen solicitado facelo e deles, 26 contan na actualidade con novos portais activados.

Plan de banda ancha

Con ese mesmo obxectivo de garantir o funcionamento eficaz da tramitación on line, púxose en marcha tamén un plan de extensión de banda ancha que mellorará a conexión a Internet dos consistorios e telecentros, e que resultará determinante para ofrecer un servizo de calidade en concellos con deficiente cobertura da Rede, como é o caso de Negueira, Navia, Triacastela ou Cervantes. Neste senso, Lara Méndez destacou que “fixemos os deberes a pesar de que a banda ancha é competencia da Xunta. Esixímoslle, unha vez máis, que acelere o proceso porque senón é retrasar o crecemento de Lugo e tamén de Galicia. É necesario que a administración autonómica se implique de forma activa”.

O proxecto, cun presuposto de 1 millón de euros e adxudicado á empresa Telefónica, disparará a velocidade de conexión a Internet, ó garantirlles entre 2 e 10 megas ós consistorios e ata 100 á sede da Deputación e ós seus organismos dependentes. O equipamento preciso xa está instalado en 35 concellos, no Pazo de San Marcos e no INLUDES, e tan só faltan as probas técnicas para poñer en marcha o servizo. Quedan 14 municipios pendentes, nos que a dotación estará operativa ó longo deste mes.

Segunda parte de Innova-TE

A Deputación de Lugo ten solicitado novas axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) convocadas polo Ministerio de Política Territorial para desenvolver a segunda parte do programa Innova-TE e continuar deste xeito por unha senda que “converta Lugo nunha provincia punteira en materia de novas tecnoloxías”, subliñou Lara Méndez. O orzamento global deste Innova-TE 2 é de 15 millóns de euros, dos que a Unión Europea aportaría 11 e a Deputación, 4. Os obxectivos do organismo provincial son aumentar os trámites que os cidadáns poderán realizar cos Concellos e coa Deputación –alcanzando os 257-, potenciar o centro In Lugo, que permite ás empresas probar os seus produtos e servizos de benestar social antes de sacalos ó mercado; seguir estendendo a banda ancha hasta onde non chegue a Xunta de Galicia; ser un referente en España na administración sen papeis, incrementando o aforro de Deputación e veciños, e ampliar o asesoramento que o organismo provincial lle da in situ ós Concellos.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo, 2011-05-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES