
A Deputación iniciou os traballos de demolición de dúas edificacións, situadas na parte traseira do Pazo de San Marcos -ó carón das oficinas do Parque Móbil- cos que o organismo provincial incorpora os xardíns de San Marcos ó paseo interior da Muralla. Trátase da última actuación contemplada no obxectivo do Plan Urban de recuperar esta parte como zona de estancia, e súmase á levada a cabo no mes de febreiro, que incluíu o derrubamento do muro que impedía abrir este espazo, situado na mesma zona, ó Monumento bimilenario. No inmoble que se está a demoler residían parte das instalacións xerais da calefacción que agora se trasladaron ó fondo do garaxe da Deputación. Deste xeito, con esta actuación, Deputación e Concello dotan ós veciños dun novo espazo para o seu disfrute, xa que permite acadar uns 250 metros transitables.
Logo do remate destes traballos, procederase ó acondicionamento da zona que quedará dispoñible como área de paseo ó pé da Muralla. Deste xeito, este espazo pavimentarase con céspede, deixando un paseo en pedra. As edificacións derribadas ocupan unha superficie de 70 metros cadrados.
Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto de peonalización da rúa San Marcos, cuxas obras avanzan a bo ritmo. Precisamente, esta é unha das actuacións máis ambiciosas do Plan Urba, programa cofinanciado nun 70% pola Unión Europea. Para facer esta obra, a Deputación cedeu ó Concello de Lugo a propiedade dos espazos da parte frontal e dos laterais da Muralla para o seu acondicionamento e uso con acceso público. A entidade local responsabilízase do acondicionamento e mantemento.
A intervención que se fará sobre esta zona incluirá ademais da peonalización da rúa, da recuperación e adecuación dos calexóns que conectan San Marcos coa Muralla e da adecuación dos xardíns como zona de estancia dotándoos de mobiliario urbano, axudas económicas por valor de 300.000 euros destinadas a mellorar os locais de negocio da zona.
O Plan Urban permitirá a reactivación do casco histórico. Ten un investimento de 14 millóns de euros, dos que a Deputación aporta 3 millóns ó igual que o Concello e 8 o Ministerio de Administracións Públicas.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.