Notas de prensa

Santiago lidera en 2010 o crecemento do emprego turístico en España

Os efectos do Ano Santo permitiron a Santiago de Compostela liderar en 2010 o crecemento en emprego turístico e RevPar hoteleiro, seguido de Tarragona entre os destinos urbanos españois con variacións positivas en ambos indicadores por enriba do 10% a respecto dos rexistros de 2009.

O informe ‘Novo Barómetro da Rendibilidade e o Emprego dos destinos turísticos españois’ elaborado por Exceltur e correspondente ao ano 2010 analiza dous indicadores concretos para medir a rendibilidade e o impacto no emprego da actividade turística en determinados destinos de carácter urbano e vacacional de España. Os ingresos medios por habitación dispoñible (RevPar) dos hoteis e o número de afiliados á Seguridade Social nas ramas turísticas definidas pola OMT como directamente vinculadas ao turismo e mais ao comercio pola súa relación co gasto turístico son os indicadores que se miden no informe.

O estudo revela que os efectos do Ano Santo 2010 permitiron a Santiago de Compostela liderar en 2010 o crecemento en emprego turístico e RevPar hoteleiro entre os destinos urbanos españois, con variacións positivas en ambos indicadores por encima do 10% a respecto dos rexistros do 2009. Tamén as cidades galegas de Lugo e Pontevedra se sitúan no grupo de destinos urbanos nos que en 2010 se elevou o emprego turístico e os niveis dos seus ingresos hoteleiros, no que figuran cidades como Tarragona,Teruel, León, Burgos, San Sebastián, Pamplona, Valencia e Barcelona.

No conxunto dos destinos urbanos de España a rendibilidade dos hoteis medida polo RevPar no 2010 situouse en 47 euros, cifra que supera nun 5,1% o dato do ano 2009. Barcelona, con 69,5 euros de media e San Sebastián con 62,4 euros son os destinos urbanos que presentan unha maior rendibilidade hoteleira. Neste sentido o destino urbano galego que mellores cifras presenta é a cidade de Santiago de Compostela, cun RevPar de 40 euros, cifra que supera nun 33,9% o nivel do pasado ano 2009. Trátase do maior incremento de todos os destinos urbanos. Neste sentido, o Xacobeo 2010 permitiu á cidade de Santiago liderar o crecemento da rendibilidade empresarial hoteleira a nivel estatal, superando en case 8 puntos porcentuais á cidade de Tarragona.

Este forte crecemento da rendibilidade do sector hoteleiro débese a dous motivos; a suba da ocupación media,que supera nun 15,6% o nivel de 2009 ata situarse no 57,4% neste ano, e ao incremento dos prezos hoteleiros medidos pola tarifa media diaria aplicada nos mesmos –o prezo medio da habitación dobre situouse en 69,8 euros, un 15,7% máis que en 2009. De modo que se unen dous factores na mesma dirección á hora de explicar os bos resultados dos hoteis da cidade de Santiago: crecementos da ocupación nun contexto de suba das tarifas, dando como resultado un incremento da rendibilidade media.

Este bo comportamento é unha característica que se observou practicamente en todos os meses do ano, medrando de forma continua dende marzo a decembro e con taxas que superaron o 20 na maioría dos meses e acadaron as cifras máis altas no último trimestre. Destaca non só o liderado da cidade de Santiago no crecemento da rendibilidade empresarial senón tamén os bos datos rexistrados nas restantes cidades galegas porque todas elas experimentaron crecementos do RevPar en comparación co 2009. En Ourense superouse nun 24,3% o nivel do ano pasado e en Lugo un 11,5%.

No relativo ao emprego, o crecemento do emprego na rama turística da cidade de Santiago é unha característica que se observou practicamente en todos os meses do ano, cunha intensidade ademais similar dado que a taxa de variación rolda o 10% interanual na maior parte do ano. Pontevedra e Lugo rexistraron tamén subas importantes, do 4,6% e 4,3% respectivamente, quedando en sexto e sétimo lugar a nivel estatal, por intensidade de crecemento.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-03-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES