A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, e o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, inauguraron a exposición de fotografía Mulleres no Obxectivo, coa que se abren as conmemoracións do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.
Mulleres no obxectivo é unha exposición colectiva de 23 foto-xornalistas galegos que trata de sacar á luz, desde unha óptica de normalidade e respecto, as imaxes que nos achegan ao día a día das mulleres e á súa relación cotiá co traballo ao longo da historia, e á conciliación da vida laboral e familiar.
Dentro da mostra, comisariada por Belén Fortes, inclúese a peza audiovisual Mulleres XX, sobre as mulleres galegas e o traballo. Esta peza, que toma o nome do cromosoma feminino, amosa ás primeiras traballadoras do sector téxtil, do conserveiro, ás primeiras redeiras, ás mestras, ás lavandeiras, ás médicas, ás xornalistas, etc
dende o pasado ata a actualidade.
Ademais, o vídeo, que ten como eixo temático a progresión da mulleres en distintos postos laborais ata chegar ao momento actual, conta con testemuñas e valoracións deste camiño percorrido realizadas por mulleres de recoñecido prestixio polo seu traballo en distintos campos da actividade económica, intelectual ou social.
Esta exposición, na que ademais dos fotoxornalistas, que participaron cedendo as súas obras, participou tamén o Centro Galego de Artes da Imaxe, dependente da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e o Museo ANFACO da Industria Conserveira, percorrerá durante todo o ano 2011 diferentes concellos galegos.
Na súa intervención, a secretaria xeral da Igualdade destacou a importancia que ten visibilizar a evolución da sociedade, e en particular o traballo das mulleres, ao longo de distintas épocas, e ver como evolucionaron os roles sociais atribuídos a homes e a mulleres, que aínda que van desaparecendo, teñen aínda a súa pegada no mercado laboral actual .
Marta González destacou que a imparable participación das mulleres no mercado laboral supón tanto unha garantía para a súa independencia económica, empeño irrenunciable para acadar unha sociedade desenvolvida, como unha contribución sustancial ao desenvolvemento económico e ao mantemento dos sistemas de protección social.
A responsable de igualdade do goberno galego lembrou que nestes tempos de crise económica as mulleres son as máis afectadas, polos contratos precarios ou polos salarios máis baixos, e por iso, dixo, é crucial seguir incorporando a igualdade de xénero ao conxunto das políticas sociais e de emprego, poñendo en marcha, medidas destinadas a favorecer a incorporación e permanencia igualitaria das mulleres ao mercado laboral, xa que a realidade actual evidencia que é preciso continuar incidindo nese ámbito.
Marta González lembrou que a igualdade entre mulleres e homes non é so un obxectivo en si mesmo, tamén é unha condición previa para cumprir os obxectivos globais da UE para o crecemento, o emprego e a cohesión social.
A secretaria xeral da Igualdade rematou lembrando que este ano a campaña institucional da Xunta de Galicia para conmemorar o 8 de marzo ten como protagonistas ás mulleres con discapacidade, xa que consideramos que teñen un camiño máis longo que percorrer que o resto das mulleres cara a consecución da igualdade, especialmente a igualdade no traballo sendo o obxectivo prioritario que co esforzo conxunto de todas as administracións, as organizacións, as empresas, o conxunto da sociedade, o lema da campaña sexa unha realidade, e que se poda vivir a diferenza, pero garantindo a igualdade.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.