
O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, mantiveron unha reunión cos membros da Xunta de Confrarías de dito municipio para establecer novas vías de financiamento de cara á celebración da Semana Santa. Trátase dunha festividade declarada de Interese Turístico Nacional, que reúne unhas 30.000 persoas, duplicando a poboación no municipio viveirense, e logrando o 100% da ocupación hoteleira. Gómez Besteiro destacou a importancia deste acontecemento para economía de Viveiro e da provincia en xeral, e adiantou unha axuda extraordinaria de 40.000 euros para facer da Semana Santa de Viveiro a máis grande de Galicia. Deste xeito, a Deputación aporta preto do 25% do presuposto total co que contarán as confrarías para a celebración desta festividade.
Este investimento sen precedente no organismo provincial responde á petición do Alcalde para lograr a declaración de Interese Internacional da que xa é, xunto coa de Ferrol, a Semana Santa máis destacada e referente en Galicia. Neste senso, Besteiro adiantou que o equipo de Goberno levará ó vindeiro Pleno unha proposta para lograr o apoio de todos os grupos políticos a este respecto. Da mesma forma, avanzou que o vindeiro 8 de abril, o Pazo de San Marcos será o escenario da presentación oficial da Semana Santa viveirense. Deste xeito, Deputación e Concello seguen sumando esforzos ó igual que fixeron na celebración da Feira Internacional de Turismo FITUR- onde expuxeron un vídeo promocional da celebración deste acontecemento na localidade viveirense elaborado pola Fundación TIC, organismo dependente da institución provincial.
Nos últimos anos, Melchor Roel logrou potenciar esta festividade traballando conxuntamente coas confrarías. Deste xeito, unificou o esforzo dos máis de 3.000 confrades, -preto do 20% da poboación total de Viveiro-, mediante o impulso á Xunta de Confrarías. Este colectivo representa as 8 confrarías viveirenses: Venerable Orden Tercera; Del Rosario, Santísimo Cristo de la Piedad; Hermandad de Prendimiento; de las Siete Palabras; de la Santa Cruz; Nazarenos dos de Fóra; e Misericordia. Dende a súa formación, recibe unha subvención directa do Concello de 64.000 euros. Ademais, por primeira vez, e a instancias de Roel, teñen a súa disposición distintos locais municipais de ensaio, reunión e almacenaxe. A maiores, durante a Semana Santa, conta cunha carpa-museo de 30 metros de fondo onde expoñen todos os seus pasos.
Participantes na xuntanza
Na reunión, ademais de Besteiro e Roel, participaron: José Veiga, Presidente da Xunta de Confrarías; Sergio San Isidro, Vicepresidente; René Gómez, Secretario; Josefa Jirón, Tesoureiro; María del Carmen López, Hermana Mayor de la Santa Cruz; e Jorge Quellé, confrade.
Campionato de Baristas en Foz
Alumnos de segundo da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC están a gravar e a proxectar en directo o IV Campionato de Baristas de Escolas de Hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal que se desenvolve hoxe e mañá nas instalacións do E.I.S. focense. Isto é posible grazas ó convenio de colaboración entre o instituto de Foz, organizador do encontro, e a Fundación TIC, que desprazou unha unidade móbil ata a localidade mariñá. Gómez Besteiro, que tiña previsto participar nesta cita, non o puido facer logo de prolongarse a reunión do Padroado da Fundación do Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia que presidiu, e que tivo lugar na sede da Fundación TOR en Monforte de Lemos.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.