
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, no acto de presentación da Marca Turística Galicia, que a comunidade estrea a súa primeira marca turística, que será de todos e que aspira a consolidar a súa oferta tras un Xacobeo histórico. Nunha etapa histórica dixo- na que as posibilidades de elección para o turista aumentaron de forma exponencial, Galicia inicia un proceso fundamental para distinguirnos no mercado se cabe un pouco máis que ata agora.
Aínda que Galicia podería venderse perfectamente soa, Feijóo aseverou que imos seguir axudándoa cunha marca creativa, propagada e convenientemente popularizada e, que é a gran carencia que tiña ata agora a nosa terra para poder competir no mundo da imaxe, a comunicación e as redes sociais. Na ardua tarefa de reforzar un sector tan vital como o turismo en plena crise económica, optamos por dar unha resposta galega ao futuro turístico galego, que debe escribirse coa participación dos cidadáns galegos.
Feijóo lembrou que temos unha fórmula secreta cuxos ingredientes están repartidos en rías e montes, en santuarios e catedrais, en camiños e cidades, en cruceiros e augas termais, en faros e murallas, en xardíns e casas rurais. Temos un mercado consolidado, que conforman os visitantes que chegaron a través das rutas de peregrinación, ou por terra, mar e aire para gozar do resto da oferta deseñada no Plan de Acción de Turismo 2013. E grandes perspectivas de futuro que nos fan pensar en continuar este Ano Santo con máis de oito millóns de visitantes o próximo exercicio, grazas ao oitavo centenario da Catedral compostelá, á apertura dos primeiros edificios da Cidade da Cultura o próximo mes de xaneiro, ou ao atractivo do noso Patrimonio repartido por toda a xeografía.
Diante deste panorama, o responsable do Goberno galego subliñou que de pouco serviría ter un pasado cunha identidade cultural acreditada, se non salvagardamos un futuro cunha identidade turística que nos axude a consolidar a nosa posición no resto de España, de Europa e do mundo. Como fixemos noutros dos nosos principais sectores produtivos, como o lácteo, o pesqueiro, o automobilismo, o enerxético, o naval... tamén nos rebelamos contra o inmobilismo no sector turístico porque sabemos que, o contrario, significaría facer retroceder o enorme patrimonio que as xeracións pasadas nos legaron.
A posta en marcha da primeira marca turística evidencia, segundo o presidente da Xunta que non necesitamos inventar un novo país, senón amoldar aos retos e aos códigos de hoxe o que xa temos. E neste sentido, referiuse a nova caixa, a suma das dúas grandes entidades que xa existían en Galicia; ao concurso eólico, construído sobre o liderado co que xa contamos desde hai tempo no sector; e ao Xacobeo, a renovación dun símbolo histórico da nosa terra como o Camiño de Santiago, e explicou que algo similar ocorre coa nova imaxe que Galicia quere proxectar de si mesma a partir de agora, e que se move na disxuntiva de aproveitar, por unha banda, todos os matices que se asocian a esta terra desde outrora e, polo outro, de modernizalos para ensinalos ao mundo do xeito máis actualizado e atraínte. Galicia reinterpreta hoxe a súa efixie coa primeira marca turística da súa historia, pero sen deixar de ser ela mesma.
Dar continuidade ao galeguismo máis tenaz, unificador e aperturista
Así mesmo, salientou que poñer en marcha por primeira unha marca turística de Galicia tamén significa dar continuidade a aquela época dourada do galeguismo máis tenaz, unificador e aperturista. Con este proxecto que implica a un dos nosos sectores produtivos máis importantes como o turismo, e que involucra á sociedade en xeral, volve quedar de manifesto que nos momentos máis difíciles, en lugar de ensimesmarse, Galicia prefire moverse como nunca para buscar a mellor localización posible no futuro.
Logo de agradecer ao sector que se sume a este proxecto, Feijóo animou a todos os cidadáns a que se converta nun éxito colectivo e nunha marca de país que nos defina como un pobo sinxelo, cunha riqueza única, misterioso e respectuoso co pasado, e con grandes esperanzas no futuro. Hai unha palabra que congrega a galegos de xeracións diferentes, con ideas distintas do noso país e no que caben cada provincia, cada mancomunidade, cada concello e cada cidadán. Galicia é a marca de todos. Ninguén mellor que os galegos para apropiarse desa marca e dar a coñecer todos os nosos segredos, concluíu.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.