Notas de prensa

Máis de 10.000 visitantes elixiron Megaxove como a mellor alternativa para toda a familia

A 11ª edición do Cross, con 650 participantes procedentes de toda Galicia, e o torneo de xadrez centraron a actividades desta última xornada. A organización entregou máis de 4.000 medallas aos participantes nas distintos campionatos e concursos.

Logo de cinco días de intensa actividade, a undécima edición de Megaxove, Salón da Xuventude, pechou hoxe as súas portas en Expourense convertida xa no maior centro de lecer de Galicia que conseguiu atraer a máis de 10.000 visitantes que participaron activamente nalgunha das máis de 50 actividades culturais e deportivas que ofrecía o Salón e onde os rapaces e rapazas tiveron a oportunidade non só de divertirse, senón de cultivar valores como o compañeirismo, a solidariedade cos máis desfavorecidos, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou ó respecto ó Medio Ambiente.

Megaxove mantén o número de visitantes e aumenta o de participantes activos. Máis de 3.300 rapaces de toda Galicia, Norte de Portugal e Castela León desprazáronse ata Expourense para participar nalgún dos distintos torneos e concursos celebrados ó longo da ponte festiva. De feito, o salón foi o lugar elixido por numerosas asociacións e federacións deportivas para realizar probas. Entre todas elas destaca a Fundación Cipri Gómez que desprazou a máis de 900 nenos e nenas de toda Galicia para realizar exhibicións de distintas disciplinas como o karate, o kickboxing ou o aerobic.

O Salón da Xuventude converteuse no punto de encontro da mocidade galega e tamén das súas familias xa que foron moitos os rapaces que acudiron ata o salón acompañados polos seus pais ou avós conseguindo tamén a participación activa dos maiores en actividades como os xogos tradicionais, o futbol chapa ou o scalextric ou o bebechán, entre outras. Destacou nesta edición a visita de nenos cada vez máis pequenos, bebés e de preescolar, que puideron gozar cos hinchables reservados para eles (de 1 a 3 anos), coa pesca de patos nunha piscina ou cun cofre ateigado de xoguetes e bonecos.

O Parque Infantil de Tráfico, coa súa pista de educación viaria e os karts, volveu repretir como unha das actividades favoritas dos rapaces de entre 8 e 12 anos. En total, pasaron por el máis de 1.500 durante os cinco días e os responsables destacan o importante aumento de nenas que se animaron a probar os karts, cando ata esta edición eran maioría masculina. O tiro con arco, con máis de 1.000 participantes, foi outra das actividades máis solicitadas, o que ven demostrar que megaxove é o lugar ideal para promocionar e dar a coñecer os deportes minoritarios.

Entre os concursos que se realizaron en Megaxove destaca o de Karaoke organizado pola Fundación Amigos de la Barrera no que participaron máis de 300 persoas con idades comprendidas entre os 16 meses do máis pequeño que se animou a cantar ata os 65 da maior. Entre as cancións elegidas polos rapaces gañaron, por maioría, os dous himnos do Mundial de Futbol: o “Waka-waka” de Shakira e o “Waving Flag” de David Bisbal, aínda que tampouco faltou a banda sonora de “Bob Esponja” ou as cancións infantís de sempre como “Susanita tiene un ratón”

Os obradoiros de traballos manuais da Cruz Vermella e a ludoteca da Asociación Xuvenil Amencer foron outros dos puntos que maior actividade concentraron durante os cinco días.

XI Cross Megaxove

Organizado polo Clube de Atletismo Academia Postal, a undécima edición do Cross Megaxove, que se celebrou hoxe en Expourense, mantivo a cifra máxima de participantes, chegando ós 650 participantes con idades comprendidas entre os 15 meses do máis pequeno ata os 70 anos do máis veterano. A novidade desta edición foi a utilización do “champion chip” para cronometrar as carreiras.

A pesar de que houbo atletas que participaban de xeito independente, a meirande parte deles participaron a través dos seus clubes de Atletismo. O Academia Postal de Ourense, o A Gándara de Monforte, o ADAS Proinor do Barco de Valdeorras, o ADAS de Xinzo de Limia, o Ben Cho Sei do Pereiro de Aguiar, e o Pavillón Ourense foron os clubes que achegaron maior número de participantes, aínda que tamén houbo participantes de clubes de Ferrol, A Baña ou Tui. Os resultados deste XI Cross Megaxove poden consultarse ó completo na páxina web www.ourenseatletismo.com ou en www.championchipnorte.com

A xornada de hoxe estivo marcada ademais pola celebración da novena edición do Torneo Megaxove de Xadrez organizado polo Clube Xadrez Ourense co apoio da Federación Galega de Xadrez e que contou coa participación de máis de 80 rapaces e rapazas procedentes na súa meirande parte das provincia de Ourense e Pontevedra. Entre as actividades que tiveron lugar nesta cornada de clausura destaca o torneo de de futbol sala, de ximnasia rítmica e de wushu.

NotaO salón foi tamén o lugar elixido para presentar distintas campañas institucionais destinadas ós mozos e mozas como a de “Quérote” promovida pola Dirección Xeral de Xuventude ou a de “Camiño escolar, un camiño seguro” que promoven as concellerías de Tráfico, Seguridade Cidadá e Educación de Ourense na que participan distintos voluntarios adultos para que os nenos poidan acudir a pé seguros aos seus centros educativos. A importancia da aprendizaxe de distintas linguas estivo tamén representada no salón coa presenza dos cursos de idiomas “Education First”.

Rematan así cinco días nos que se desenvolveu un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros. Co 11º Salón da Xuventude, Expourense remata o calendario feiral do 2010. A vindeira cita terá lugar xa no 2011 e será do 2 ó 6 de febreiro coa celebración da 12ª edición de Xantar, Salón Galego de Gastronomía e Turismo.




Silvia Pardo (coordinadora de Comunicación de Expourense), 2010-12-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros-biblioteca.jpg) Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Arrancou no edificio Redeiras da UVigo o congreso internacional 'Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario', unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, da obra de Raymond Roussel, toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu a inauguración da exposición 'A Miraxe Dixital'. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES