Notas de prensa

Xacobeo 2010 patrocina o IV Congreso Internacional Historia a Debate en Santiago

O congreso, no marco de Camiño de Reflexión, reúne entre o 15 e o 19 de decembro na capital galega a historiadores de todo o mundo que participan neste evento internacional cada Ano Santo desde 1993.

Xacobeo 2010 patrocina, dentro do Camiño da Reflexión da programación deseñada para este Ano Santo, o IV Congreso Internacional Historia a Debate, que terá lugar do 15 ao 19 de decembro en Santiago de Compostela e que volverá reunir a historiadores procedentes de todo o mundo. De feito, nas primeiras celebracións desta convención participaron uns 1.500 historiadores de máis de 35 países dos cinco continentes. As conferencias, relatorios e mesas redondas terán lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación e na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Durante estes días, os expertos debaterán sobre a disciplina da historia, os grandes feitos e procesos históricos que se viven na actualidade e as demandas doutros suxeitos culturais, políticos e sociais, que interveñen na escritura da historia. Deste xeito, analizarase como exercer o oficio de historiador no século XXI, as novas formas de traballar con fontes e teorías, de orientar a didáctica da historia e de chegar con novas tecnoloxías ao público lector e espectador. O Século de Obama, a crise económica iniciada en 2008 en perspectiva histórica, Boloña e ensinanza na historia ou as escolas do século XX ante os retos do século XXI, serán algúns dos temas que se debaterán e analizarán nesta nova xuntanza.

Historia a Debate constitúese, ademais, como un foro permanente para o debate sobre a metodoloxía, a historiografía, a teoría da historia, sobre a práctica renovada da investigación e da divulgación histórica, sobre a docencia desta materia tanto na universidade como nas ensinanzas medias, ou sobre os problemas académicos, profesionais e laborais destes profesionais, sobre todo dos mozos.

O prazo de inscrición estará aberto ata o inicio do congreso, que se inaugurará o próximo mércores 15 de decembro ás 16.00 horas no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación. En total, no IV Congreso Internacional Historia a Debate colaboran 500 entidades académicas de 37 países de todo o mundo e, ata o momento, inscribíronse 175 relatorios procedentes de 21 países. Como novidade, o congreso poderá seguirse en directo pola canle de televisión da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a través da web www.h-debate.com.

A cuarta edición do Congreso Internacional Historia a Debate está incluída no Camiño da Reflexión da programación de Xacobeo 2010, un apartado no que se presentan congresos, conferencias e debates que xeran reflexión, cuns contidos que quedan rexistrados como legado cultural para futuras xeracións.

Actas do terceiro congreso

No pasado mes de abril, Xacobeo 2010 apoiou a presentación das actas do III Congreso Internacional Historia a Debate, que recollen os traballos realizados durante a convención celebrada do 14 ao 18 de xullo de 2004 na Universidade de Santiago de Compostela, baixo o patrocinio da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. É unha publicación que busca incitar, dende Galicia, á reflexión da comunidade internacional de historiadores. Historia a Debate é unha rede estable, que celebra congresos internacionais desde 1993 coincidindo coa conmemoración do Ano Santo, aos que concorren profesionais do gremio de todo o mundo, e que busca dinamizar intercambios e contactos multilaterais entre os seus membros máis alá das fronteiras da especialidade e da nacionalidade.

As Actas están integradas por tres tomos: Reconstrución (I), Historiografía inmediata (II) e Historiografía global (III). En concreto, recollen os textos dos 110 relatorios e as transcricións dos debates nas 17 mesas redondas. Estes tres completarán aos nove tomos anteriores, produto dos macro congresos celebrados nos anos xubilares de 1993 e 1999, chegando así a 12 volumes, que resumen, en español, portugués, inglés e francés, os balances, discusións e innovacións acaecidos na escritura da historia nos anos da transición do século XX ao XXI.

Esta publicación ofrece unha posta ao día para os profesionais desta materia, ademais de ser unha referencia bibliográfica imprescindible, dentro e fóra do ámbito académico latino, para coñecer cara onde vai a historia neste novo século, xa ben sexa para preparar un proxecto docente en concursos a prazas de profesores universitarios de historia, impartir docencia actualizada sobre metodoloxía, historiografía e teoría da historia, ou, simplemente, renovar individualmente enfoques e temas da investigación histórica.

Pretende, por tanto, incitar á reflexión da comunidade internacional e diríxese a todos aqueles profesionais que opinan que ser un “bo historiador” vai máis aló do uso das fontes, senón que esixe innovación, reflexión e conexión co tempo no que se vive. Historia a Debate trata de implementar esta actualización tan necesaria coa celebración de congresos, desde 1993, e, dun xeito continuo, a partir de 1999, a través dunha rede temática na Internet que conecta diariamente a máis de 8.000 historiadores e profesores de historia de ensinanza superior dos cinco continentes. De feito, esta rede está implantada en 350 universidades de 50 países.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2010-12-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES