A Deputación mantén despregado un amplo dispositivo para atender as incidencias que poida ocasionar o temporal de vento e choiva que está a afectar á provincia e con máis forza á Mariña, onde a flota permanece amarrada e se rexistraron rachas de 100 quilómetros por hora. Nestes momentos, as empresas adxudicatarias da Conservación da rede viaria provincial están a traballar para atender todas as incidencias rexistradas. En total, o amplo dispositivo despregado pola Deputación está formado por 42 operarios e 20 vehículos.
Cómpre circular con precaución pola CP 0702 en Cervantes, debido á presenza de neve o que provocou que quedase atrapado un camión, e polas CPs 0610, que vai de Ribadeo a Barreiros, e CP 6402 no Vicedo, nas que se produciron asolagamentos.
Asimesmo, a intensidade das choivas tamén ocasionaron caídas de árbores en 10 viais da Montaña, que nestes momentos xa foron retirados da calzada. É o caso das estradas 0703, 0705 e 0709, en Becerreá; nas CPs 1904 e 1910 en Fonsagrada; na CP 3606 en Negueira de Muñiz; nas CPs 3701 e 3704 nas Nogais; na CP 504 en Quiroga; e na CP1306 que comunica Samos con Incio.
O dispositivo mobilizado pola Deputación continúa en alerta para atender calquera tipo de incidencia que poida xurdir ó longo das vindeiras horas nas estradas da súa titularidade, garantindo a seguridade dos usuarios das mesmas.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.