Un total de 1.272 persoas redescubrirán a provincia durante o mes de novembro co programa medioambiental Km0, que se suman ás preto de 20.000 que xa participaron na iniciativa coa que a Deputación demostrou que o medio ambiente é a oportunidade económica de Lugo e contribúe a manter uns 3.000 postos de traballo directos e indirectos en distintos sectores económicos. Esta semana, 254 veciños elexirán como destinos das súas rutas a Mariña, a Montaña, a Terra Chá, a zona centro e a Ribeira Sacra.
Precisamente, un grupo de veciños de Guitiriz e outro de Bóveda foron recibidos este martes no Pazo de San Marcos. No primeiro caso, visitaron a oleiría de Bonxe e o Concello de Cospeiro, onde coñeceron o pazo de Sistallo, a lagoa, a Torre de Villajuan de Caldaloba e o museo da prehistoria de Vilalba. Pola súa banda, o grupo da zona sur decantouse por Ribadeo. Neste municipio, fixeron unha travesía marítima pola ría, percorreron o casco histórico e o mosteiro das Clarisas.
O mércores, integrantes da sociedade micolóxica Lucus visitarán o Centro de Artesanía e Deseño. A continuación, desprazaranse ata o Concello de Láncara, onde redescubrirán o Pazo, a ponte medieval de Carracedo e o campo da feira de Vilarmosteiro. Tamén farán unha ruta de sendeirismo ata San Facundo. Ese mesmo día, veciños de Sarria viaxarán ata a Mariña logo de visitar a Oleiría de Bonxe. Farán un percorrido polas praias das Catedrais e dos Castros e coñecerán o aeródromo de Villaframil.
Finalmente, o xoves, un grupo da Asociación Seminario de Estudos Terra de Viveiro farán a ruta Os Viñedos, que se desenvolve pola Ribeira Sacra. Concretamente, visitarán o pobo de Belesar, farán a ruta de sendeirismo ata Pesqueiras e degustarán os produtos da zona na adega Vía Romana. No caso dos integrantes da Asociación Recreativa As Nocellas de Oural (Sarria) o itinerario elexido discorre polo municipio de Viveiro. Neste caso, coñecerán o monte de San Roque, a igrexa de Santa María do Campo, o casco histórico e a cerámica Regal.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.