Notas de prensa

A USC presenta a súa visión sobre o Erasmus Mundus e a cidadanía europea

A USC achega a súa visión particular sobre a incidencia do programa Erasmus na construción da cidadanía europea. O reitor, xunto co coordinador do volume, presentaron un libro no que se analiza o programa de mobilidade internacional dende a óptica dos seus protagonistas.

O programa Erasmus na construción da cidadanía europea. Unha mirada dende Compostela é o título dun novo libro que reflicte a opinión dos protagonistas deste programa respecto das particularidades xurdidas no seu desenvolvemento, cunha referencia particular á experiencia acumulada na Universidade compostelá. A obra presentouse publicamente coa presenza do reitor Juan Casares e do coordinador do volume, o profesor Xesús Rodríguez, nun acto en San Xerome no que estiveron presentes un grupo nutrido de colaboradores activos deste volume.

Como unha análise global de axuda para comprender o alcance deste programa na USC, o libro permite definir “a onde chegamos e cara onde imos no apartado da mobilidade europea”, explicou o profesor Rodríguez na presentación. Confeccionado como un “libro de voces que recolle o latexo do programa”, a obra contén un estudo que abre novas fiestras sobre o que se pode facer no futuro, a partir dunhas “moi boas condicións para seguir progresando”.

Definíndo como o programa estrela en mobilidade, o reitor manifestou o seu agradecemento a todas as persoas que teñen implicado na definición e elaboración deste libro. O reitor fora en 1987 o primeiro coordinador do programa na USC, que tivo “uns comezos duros e de dificultades”.

O programa Erasmus como proxecto formativo na articulación da Europa Social, a súa incidencia particular na USC e a voz e iniciativa dos seus protagonistas son os tres epígrafes que vertebran o conxunto de achegas que definen o corpo deste libro. Nas súas páxinas conflúen “a rigorosidade científica que se espera dunha obra destas características” cunha carga de “emocións e recordos que abrollan a medida que se vai afondando na súa lectura”, apunta Xesús Rodríguez no limiar.

Co material recompilado ponse de manifesto que o Erasmus é “un programa cargado dun importante voluntarismo e esforzo desinteresado por parte do profesorado e por suposto, nos últimos anos, dun notable esforzo por parte das Responsables da Unidade de Apoio á Xestión de Centros e Departamentos (RUAXCD)”.

A estrutura da obra resposta a unha concepción “caleidoscópica” que comeza, na súa primeira parte, cun achegamento a diferentes reflexións e análises sobre o papel do programa na construción da cidadanía europea. Así, mentres Mar Lorenzo se refire á incidencia que o programa ten para a formación cívica e intercultural dos estudantes, Miguel Zabalza Beraza e María A. Zabalza Cerdeiriña analizan a potencialidade formativa da mobilidade internacional.

Outras testemuñas con cabida neste primeiro bloque levan a sinatura de Rita Radl, que introduce unha reflexión sobre cultura e lingua nun contexto global; José Antonio Caride, cunha lectura pedagóxica e social dalgúns dos significados inherentes aos procesos de mobilidade; dos profesores Luís Sobrado, Ana Couce e Silvia Vázquez abordando o rol do programa Erasmus na mobilidade profesional vinculada aos estudos feitos e á inserción laboral.

No bloque temático dedicado ao programa na USC preséntanse diferentes experiencias e reflexións contextualizadas dun xeito específico na institución académica compostelá. Neste contexto, o director da Oficina de Relacións Exteriores, Enrique López Veloso, introduce o tema cunha análise da situación internacional da USC. Pola súa banda, os profesores Ewa Pawlowska e Fidel Martínez presentan os resultados preliminares dunha investigación en desenvolvemento sobre os trazos socioeconómicos deste colectivo de estudantes, do impacto económico xerado e da satisfacción coa estadía.

Pechando o bloque Xesús Rodríguez presenta o conxunto de medidas adoptadas en relación co programa na Facultade de Ciencias da Educación e formula propostas de cara ao futuro, e Isabel Vaquero, responsable da Ãrea de Dinamización do Servizo de Normalización Lingüística, reflexiona sobre diferentes medidas que este Servizo ten desenvolvido para atender as situacións xeradas no eido do Erasmus.

No último bloque céntrase a atención nas diferentes visións e opinións das xestoras académicas, coordinadores e alumnados. A figura dos “acompañantes”, as responsables da Unidade de Apoio á Xestión de Centros e Departamentos, as persoas responsables da coordinación do programa e a valoración do estudantado completan este conxunto documental. A autoría dos artigos nesta apartado corresponden a Raquel Mariño, Laura Rego, Francisco Javier Sanjiao, Cristina Ceinos e Rebeca García.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2010-10-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-mobil.jpg) En torno ao 75% do alumnado galego de 5º e 6º de Primaria e de ESO dispón de teléfono móbil e a maioría conéctase a internet practicamente a diario, segundo se desprende da V Enquisa de diagnose da convivencia 2025. O estudo consta dun amplo bloque sobre a convivencia nos centros escolares tanto para alumnado de ensino obrigatorio (Primaria e ESO) como postobrigatorio (Bacharelato e Formación Profesional) e outro bloque enfocado aos hábitos sociais do alumnado, que se introduciou por primeira vez na enquisa de 2023. Arredor do 90% do alumnado (91,6% dos estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria, o 84,33% dos de ESO e os 78,83% dos de ensinanzas postobrigatorias) afirman que nunca ou case nunca recibiu condutas intimidatorias por estes medios.
Foto de la tercera plana (reinventio.jpg) Reinventio combina números de ilusionismo, acrobacias e danza contemporánea nunha proposta de 90 minutos que aborda a ilusión, a superación e o espírito transformador do Camiño de Santiago. A dirección artística corre a cargo do ilusionista ferrolán Martín Varela, xunto coa coreógrafa Mercedes Suárez e a compañía Druida Danza, profesionais galegos de ampla traxectoria que integran elementos de danza clásica e contemporánea con técnicas circenses innovadoras, acompañadas dun coidado deseño escenográfico, musical e lumínico que reforza o carácter visual e emocional do espectáculo.

Notas

Baixo o nome de Dorna, unha embarcación típica das Rías Baixas, comezou a navegar no océano literario do ano 1981 unha nova revista de creación literaria que pretendía “ofrecer unha canle editorial a autores e autoras noveis con arelas no cultivo da literatura galega”, malia recoller tamén “a voz de escritores e escritoras xa consagrados”. Así describen dende Edicións USC a meta que perseguía e persegue esta revista que case medio século despois permanece viva baixo a dirección da profesora Mª Xesús Nogueira.
Tras o éxito da súa primeira edición en 2021, o II Congreso Internacional 'A viaxe a través da palabra' consolidouse como un espazo de diálogo entre literatura, creación, investigación, turismo e industrias culturais. O encontro, celebrado os días 16, 17 e 18 de outubro, reuniu a numeroso persoal experto de recoñecido prestixio que abordaron o concepto da viaxe como espazo de intercambio e comunicación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES