Notas de prensa

Xacobeo 2010 prepara para outono o ciclo de conferencias Camiño ao andar

Esta ambiciosa iniciativa, na que participarán prestixiosos expertos mundiais (arquitectos, políticos, escritores, historiadores...), forma parte do Camiño da Reflexión e celebrarase do 18 ao 28 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea e na Fundación Cidade da Cultura.

Santiago de Compostela acollerá entre o 18 e o 28 de outubro o ciclo de conferencias e coloquios Camiño ao andar, que forma parte da programación de Xacobeo 2010 e que se celebrará no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e na sede da Fundación Cidade da Cultura. No marco deste ambicioso proxecto, programaranse cada día dúas charlas e un coloquio no que tomarán parte algúns dos máis prestixiosos arquitectos, sociólogos, filósofos, historiadores, escritores, políticos ou antropólogos do panorama mundial.

Durante nove intensas xornadas, a cidade de Compostela será escenario dun conxunto de conferencias nas que se abordarán algúns dos distintos aspectos que conforman a cultura contemporánea. Para conseguir que o debate e a reflexión sexa o máis profunda posible, Camiño ao andar, comisariada por Juan Barja, director do Círculo de Bellas Artes, traerá a Santiago a algunhas das máis importantes figuras nacionais e internacionais nos seus diferentes ámbitos. Deste xeito, os participantes nesta iniciativa poderán escoitar, entre outras propostas, un coloquio de Félix de Azúa sobre Proust; a Shlomo Ben Ami disertar sobre o valor da diplomacia; unha charla de Michel Bauwens sobre a relación entre o físico e o virtual, ou un coloquio de Rafael Moneo sobre os camiños da arquitectura.

O catedrático de Ciencia da Arte e Teoría dos Medios Beat Wyss será outro dos expertos que tome parte en Camiño ao andar, onde falará da súa experiencia no Camiño de Santiago desde Lucerna. Asemade, na sede da Fundación Cidade da Cultura, o catedrático de Historia da Filosofía Moderna da Universidade Autónoma de Madrid Félix Duque reflexionará sobre o Vía Crucis e o Camiño de Santiago. Xa na última xornada, Antonio Gamoneda profundizará nos aspectos estéticos presentes ou suscitados polos camiños que levan a Santiago. Estes son só algúns dos expertos que do 18 ao 28 de outubro abordarán a cultura contemporánea desde diferentes puntos de vista.

Con esta ambiciosa iniciativa, Xacobeo 2010 quere invitar á reflexión tendo como punto de partida as aportacións e coñecementos de toda unha serie de intelectuais de primeira liña procedentes de campos moi diversos da cultura. A todo isto contribuirá a densidade histórica e cultural de Santiago de Compostela, que supón o marco idóneo para pensar a construción da cultura europea como un fenómeno no que se mesturan debates, conflitos e diálogos interculturais. A asistencia aos coloquios e conferencias será gratuíta, previa inscrición.

Camiño ao andar enmárcase no Camiño da Reflexión da programación de Xacobeo 2010, un apartado no que se inclúen congresos, conferencias e debates que xeran reflexión, cuns contidos que quedan rexistrados como legado cultural para futuras xeracións

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2010-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES