Notas de prensa

Arranca o IV Outono Gastronómico nas casas de turismo rural de Galicia

Ata o 15 de decembro máis de cen casas de turismo rural participan neste programa que inclúe 213 propostas gastronómicas, paquetes turísticos e fins de semana e que este ano inclúe como novidade 120 premios directos agochados no interior das casas de turismo rural aos que optan todos os participantes. Promocionarase en Madrid e Barcelona.

A Secretaría Xeral para o Turismo, a través de Turgalicia, en colaboración conas asociacións de Turismo Rural de Galicia –Agatur, Fegatur e Pazos de Galicia-, pon en marcha a campaña de promoción Outono Gastronómico en Turismo Rural, que o ano pasado conseguiu triplicar o volume de facturación con respecto á primeira edición. Do 15 de setembro ao 15 de decembro de 2010, o Turismo Rural de Galicia celebra o seu cuarto Outono Gastronómico. Son un total de 117 casas rurais as que participan no programa con un total de 213 propostas gastronómicas diferentes, tal e como explicou a secretaria xeral, Mª Carmen Pardo López, durante a presentación do programa no Centro Superior de Hostelería de Galicia.

Cada unha das casas rurais ofrecerá un ou dous menús exclusivamente concibidos para esta ocasión. Ademais todos os menús inclúen viños das cinco Denominacións de Orixe galegas. A oferta do Menú Outono Gastronómico inclúe os entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños ou outras bebidas polo prezo global de 30 euros por persoa (IVE incluído). Tamén se ofrece a posibilidade de adquirir o Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o Menú Outono Gastronómico e pernoitar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do seguinte día dentro da oferta. O prezo é de 100 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 60 euros para unha persoa en cuarto individual. Ademais desas dúas posibilidades, a oferta completa da Fin de Semana Outono Gastronómico. Neste caso inclúe dous Menús Outono Gastronómico por persoa, aloxamento e almorzo nunha das casas de turismo rural participantes nesta promoción (noite de venres e sábado). O prezo é de 180 euros as dúas persoas en cuarto dobre ou de 120 euros por unha persoa en cuarto individual, novidades estas do ano 2009, da actual Secretaría Xeral para o Turismo.

Novidades

Doutra parte, como novidades este ano, en calquera do establecementos adheridos poderase optar a gañar algún dos 120 premios directos agochados no interior das casas rurais participantes. 25 fins de semana, 25 paquetes gastronómicos e 70 menús gratis sortearanse nas casas de turismo rural de Galicia para agradecer a confianza dos usuarios do programa.

Outra das novidades destacadas desta edición é o incremento na aposta divulgativa da campaña. Das habituais insercións en medios de comunicación escritos, a campaña difundirase por primeira vez en televisión e radio. A colaboración especial coa Televisión de galicia a través do programa ‘Larpeiros’ así como a difusión en “mupis urbanos” de Santiago e a través de mupis formato “senior” (máis grandes) na Coruña contribuirán á promoción dun paquete, que tamén chegará a cidades como Vigo, Ferrol, Ourense, Pontevedra ou Lugo por medio de varios autobuses urbanos rotulados.

Fóra de Galicia un camión rotulado viaxará a Barcelona con reparto de material promocional, coincidindo coas festas da Mercè. En Madrid presentarase o venres 17, na Casa de Galicia, o paquete ‘Outono Gastronómico 2010’, que tamén estará presente a través da campaña de promoción de gastronomía de Galicia no mercado de San Miguel. Trátase de descubrir ao público as variedades e calidade dos produtos gastronómicos de Galicia cunha posta en escea innovadora; uns ‘carritos expositores’ instalados no centro do edificio tematizarán o produto cunha montaxe orixinal e sofisticada. Ao frente de cada un, estará persoal desprazado de Galicia e vendedores habituais da especialidade. Paralelamente, nos restaurantes do mercado celebraranse xornadas gastronómicas e sesións de ‘show-cookings” con cociñeiros galegos.

No apartado de promoción, o ‘Outono gastronómico’ contará ademais con 12.000 guías bilingües en castelán e galego, 85.000 dípticos, 40.000 trípticos, 5.000 manteis individuais serigrafiados cos elementos gráficos da campaña, 500 carteis informativos, 5.000 sinaladores de páxinas para libros, espazo web específico en Turgalicia, entre outros. O volume de negocio do ‘Outono Gastronómico’, tal e como recordou a secretaria xeral, está sendo moi satisfactorio. Así, “dos 125.000 euros que facturaron os establecementos de turismo rural na primeira edición pasouse aos 400.000 da terceira, o ano pasado”, afirmou.

As 117 casas que desenvolven esta campaña ofrecen os servizos descritos durante os venres, sábados e domingos dos meses citados, proporcionando unha boa oportunidade para que o público que aínda non coñece o turismo rural de Galicia se achegue deste xeito á historia e ao patrimonio dos Pazos de Galicia, hoxe coidadosamente rehabilitados; para revivir a época das casas señoriais, Casas Grandes; para pasar unha noite nunha auténtica Casa Reitoral; ou para sentir o latexo da vida rural das Casas de Aldea e de Labranza.

Estes menús, xunto con toda a información desta campaña pode ser consultada na páxina web de Turgalicia, www.turgalicia.es, de xeito que os clientes poden estudar previamente tanto as composicións dos menús como as fotografías e o resto das características das casas participantes, a fin de facilitarlles a elección mais acaída aos seus gustos. Tamén haberá material dispoñible nas 94 oficinas de turismo de Galicia e se poderá obter información sobre o programa no teléfono 902 200 432.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2010-09-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES