A secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, presentou en Vigo a edición número LVIII da Festa do Viño de Albariño, que se celebrará en Cambados a partir da vindeira semana. Mª Carmen Pardo López, que estivo acompañada polos organizadores da festa, entre eles o alcalde de Cambados, Luis Aragunde, destacou o peso turístico da festa vinícola máis antiga de Galicia, un evento que chega con pulos renovados a esta zona das Rías Baixas, xa dende o domingo 25, día grande de Galicia, ata o próximo 1 de agosto, día principal das festividades e día grande de Cambados, o berce por excelencia do albariño.
Pardo López enxalzou a orixinalidade das actividades preparadas nesta edición para celebrar máis dun lustro de festas, como as degustacións enogastronómicas, os torneos para grandes e pequenos, a XIII Gala do Albariño para premiar a cultura e as artes plásticas, o mundo empresarial galego, entre outros. A declaración da Festa dende 1.998 como Festa de Interese Turístico Nacional convértena nun dos eventos máis singulares do panorama turístico galego, polo que no horizonte está a vontade, o traballo e o anceio de todos para conseguir a súa catalogación e recoñecemento internacional.
Neste sentido, a secretaria xeral destacou os múltiples factores que posúe este sector á hora de incrementar os fluxos turísticos, desestacionalizar a demanda, desenvolver a economía local e rexional, crear unha imaxe de destino de calidade e impulsar a produción. Despois de salientar que as terras do Val do Salnés, o Rosal, o Condado de Tea, Soutomaior ou o Val do Ulla son o escenario natural privilexiado onde se albergan deceas de adegas abertas ao público que permiten mergullarse na cultura do viño, Pardo López destacou os proxectos que se están levando a cabo dende o seu departamento no eido da enoloxía.
Facer vivir Galicia a través do viño é o cometido que nos propuxemos ao lanzar o programa Vive Galicia, que conta con tres paquetes específicos que basean a súa oferta no enoturismo das Rías Baixas, combinándoo con outros recursos turísticos como o golf ou o termalismo, a través de novidosos e relaxantes tratamentos de viñoterapia. O lanzamento do Plan de Enoturismo no vindeiro mes de setembro así como o primeiro Salón do Enoturismo, celebrado en decembro do ano pasado, son outras das accións máis relevantes realizadas neste campo.
As festas do Viño Albariño de Cambados celébranse ininterrompidamente dende o ano 1.952 na vila de Cambados, declarada conxunto histórico-artístico e catalogada como cidade do Viño, integrada dentro do paraugas da Acevin (Asociación Española de Ciudades del Vino).
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.