
Compartir vida e saúde mediante á doazón de sangue é o obxectivo da nova campaña de doazón de sangue Verán 2010, que presentou a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía baixo o lema O teu sangue é vida. Compárteo. Farjas Abadía salientou a importancia de acadar a colaboración dos cidadáns nunha das épocas do ano de maior necesidade de compoñentes sanguíneos dado o incremento das necesidades de doazón por mor do aumento das urxencias derivadas dos accidentes de tráfico no período vacacional.
A conselleira de Sanidade, que estivo acompañada pola directora do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), María Inmaculada Rodríguez Calvo, destacou tamén que o obxectivo fixado é acadar un total de 40.000 doazóns.
Con esta campaña Verán 2010 Sanidade tenta manter estable o número de doazóns de sangue xa que, cada día, os centros sanitarios galegos necesitan 500 doazóns para poder levar a cabo o seu labor asistencial. En total, para o ano 2010 Galicia precisará arredor de 123.000 doazóns de sangue.
Campaña informativa
Para facer realidade estes obxectivos, as dez unidades móbiles do CTG efectuarán entre os meses de xuño a setembro do presente ano máis de 700 campañas de doazón de sangue en máis de 240 concellos de toda Galicia.
Para Farjas Abadía é fundamental que toda a cidadanía estea sensibilizada coa importancia da doazón e do necesaria que é a participación de todos. Por iso iníciase unha nova campaña divulgativa destinada a informar á poboación a través dos medios de comunicación.
A conselleira de Sanidade incidiu en que faise preciso un novo esforzo por parte da cidadanía para tentar incrementar o volume de doazóns de sangue necesario.
Resultados campaña do pasado verán
A titular de Sanidade lembrou que as necesidades aumentan ano tras ano, xa que no verán do pasado 2009, as unidades móbiles do CTG desprazáronse ata máis de 200 concellos e acadaron 40.018 doazóns de sangue. Isto supón un 33% do total das doazóns rexistradas durante todo o ano.
Os datos do verán de 2009 supuxeron un incremento do 2,8% respecto do mesmo período do ano anterior. Farjas Abadía destacou a importancia tamén de que se mantivo estable o número de doazóns nos meses de xuño a setembro cunha media de 10.004 doazóns cada mes.
Doador universal
Aínda que todos os grupos sanguíneos son precisos, nestas datas faise especialmente necesaria a participación dos doadores cero negativo, coñecidos como doadores universais.
Pilar Farjas explicou que este grupo sanguíneo, que tan só posúe o sete por cento da poboación, pode ser usado no tratamento de calquera enfermo e soe utilizarse para nas urxencias derivadas dos accidentes de trafico que, lamentablemente, aumentan coincidindo con estes períodos vacacionais.
A Consellería de Sanidade e o Centro de Transfusión de Galicia agradecen a todos os cidadáns a súa participación nas campañas de doazón, agradecemento que fai extensivo as Irmandades de Doadores de Sangue e aos medios de comunicación, e lembra que, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón é posible consultar a páxina web: ctg.sergas.es ou contactar co teléfono gratuíto: 900 100 828.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.