
O Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia para a campaña 2010 quedou formalmente constituído en Santiago, coincidindo co inicio da época de perigo alto de lumes forestais, un período que se prolonga ata o vindeiro 30 de setembro.
O Comité Integrado, presidido polo conselleiro de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e o Goberno Central en materia de prevención e loita contra os lumes forestais na nosa Comunidade Autónoma. Deste órgano forman parte tamén o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, e o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro Goyanes, así como representantes dos ministerios de Defensa, Interior e Medio Ambiente, o director xeral de Emerxencias e Interior, o director xeral de Montes e o comisario xefe da Policía Autonómica.
A xuntanza deste Comité tivo como punto central da orde do día a exposición de medios humanos e materiais a despregar no operativo de defensa contra os lumes forestais deste ano.
Pladiga 2010
O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2010) foi aprobado polo Consello da Xunta na súa xuntanza do pasado día 10 de xuño. Este ano mobilízanse un total de 6.085 persoas en tempada de máximo risco, cun despregue de 659 cuadrillas de extinción de lumes forestais.
En canto ao dispositivo material, na época de perigo alto de lumes estarán dispoñibles 26 medios aéreos da Xunta, 8 propios do Estado e 4 dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado; aos que cómpre engadir outros medios do Exército de dispoñibilidade compartida con outras Comunidades Autónomas.
En terra, o Pladiga 2010 recolle máis de 300 medios de loita contra o lume, entre os que cabe salientar 156 motobombas do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais).
Fotografía: Xunta de Galicia
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.