
A conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde, Pilar Farjas Abadía, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, asinaron un protocolo entre ámbolos dous departamentos, para levar adiante o proceso de traspaso dos medios sanitarios de carácter persoal de que dispón a Deputación Provincial de Lugo, concretamente dos do hospital San José e do Psiquiátrico de San Rafael, á Consellería de Sanidade. A sinatura deste protocolo ten por obxecto, pois, establecer os mecanismos de colaboración para facer efectivo o traspaso. En consecuencia, o Servizo Galego de Saúde integrará as prestacións sanitarias que se desenvolven nestes centros.
A importancia específica de levar a efecto o dito traspaso terá a súa consecuencia na mellora da atención aos pacientes, así como na calidade das prestacións e na atención sanitaria, que a partir do traspaso efectivo se realizará nos centros propios do Servizo Galego de Saúde en Lugo.
Segundo se recolle no texto asinado, é intención das partes outorgantes levar a efecto o traspaso do persoal, dependente dos hospitais San José e San Rafael, con efectividade dende o 1 de xaneiro de 2011. Os inmobles nos que se ubican os mencionados centros sanitarios non serán obxecto de traspaso e seguirán pertencendo ao patrimonio da Deputación Provincial de Lugo a todos os efectos.
Con motivo da posta en funcionamento, ao longo deste ano, do Hospital Lucus Augusti, e sen prexuízo de que o traspaso efectivo do persoal se materialice na indicada data do primeiro de xaneiro de 2011, o persoal do Hospital Provincial irase trasladando, a partir do mes de outubro do 2010, salvo as necesidades asistenciais, ás correspondentes unidades clínicas dos hospitais de Lugo, coas que se integrarán funcionalmente.
Con respecto ao persoal do Hospital de San Rafael, que se ocupa da atención a pacientes con patoloxías psiquiátricas de longa estadía, en principio e salvo necesidades asistenciais a valorar polo Servizo Galego de Saúde-, a incorporación dos pacientes e de dito persoal ao Hospital de Calde, efectuarase unha vez realizadas as correspondentes reformas que permitan a reapertura deste hospital.
A estes efectos, constituirase un grupo de traballo encargado de avaliar a condición dos pacientes do hospital psiquiátrico de San Rafael, para a súa ubicación, ben no Hospital Lucus Augusti, ben, pola súa cualificación como pacientes de longa estadía sanitaria, no Hospital de Calde, ou en dispositivos residenciais pertencentes ao Sistema Galego de Servizos Sociais, pola súa condición de dependentes.
En todo caso, e tal e como se recolle no texto, serán respectados os dereitos do persoal obxecto de traspaso, que se incorporará ao cadro de persoal orzamentario do Sergas nas condicións que teñan acreditadas á data da efectividade do traspaso.
Revisión da débeda e comisión de coordinación
O protocolo hoxe asinado entre Pilar Farjas e José Ramón Besteiro tamén contempla a revisión da débeda correspondente ao período 2005-2010, así como o derradeiro pagamento da xerada antes do 2005, cuxa amortización realizarase no período 2011-2016, segundo o calendario acordado.
Igualmente, a Deputación Provincial comprométese a levar ao Pleno da mesma a proposta de revisión de tarifas para o presente ano, coa finalidade de adaptalas ás vixentes naqueles concertos asumidos polo Servizo Galego de Saúde para o 2010, que reúnan características similares aos pacientes do Hospital San Rafael.
O protocolo ten previsto, tamén, a constitución dunha comisión coa finalidade de facilitar a coordinación e seguimento do asinado. Esta comisión vai estar integrada por un ou varios representantes nomeados de xeito paritario por cada unha das partes asinantes, e terá por obxecto resolver as lagoas ou diverxencias que puideran apreciarse na súa aplicación.
Serán funcións da comisión, velar polo cumprimento dos fins do protocolo; adoptar ou propoñer as medidas necesarias para garantir o exercicio coordinado das respectivas competencias; resolver os problemas que poidan xurdir durante o proceso de traspaso; impulsar o labor da Comisión Mixta de Transferencias encargada de aprobar o acordo de traspaso para a súa publicación por decreto; e, ademais, nomear aos compoñentes do grupo de traballo que avaliará a condición dos pacientes do San Rafael para a súa ubicación.
Este protocolo vai ser aplicado dende a súa sinatura no día de hoxe, e terá vixencia ata a aprobación do decreto que formalice o acordo da Comisión Mixta sobre o traspaso do persoal á Consellería de Sanidade.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.