Notas de prensa

Daniel Anido e Rodolfo Irago, gañadores da VI edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Os xornalistas da cadena SER Daniel Anido e Rodolfo Irago foron proclamados gañadores do VI Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova.

O fallo deuse a coñecer na Galería Sargadelos de Ferrol nunha rolda de prensa na que se anunciou tamén que os actos de entrega terán lugar o 7 de maio no Teatro Jofre e contarase, novamente co Concerto pola Liberdade a cargo da Real Filharmonía de Galicia.

O acto comezou coa intervención do presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, quen destacou a mala situación da profesión xornalística na actualidade e lembrou os miles de parados, resaltando que “non hai peor ditadura que a econóimica nin peor traxedia humana que o paro”. Pediu precaución “coas sentencias que inhabilitan xornalistas e que pechan medios de comunicación, porque ao final os delitos cométenos as persoas e non os medios” e estas actuacións xudiciais provocan peches e despedimentos. Neste sentido, reivindicou o “dereito a criticar as sentencias porque ao final estamos exercendo a liberdade de prensa”.

Na rolda de prensa tamén estivo presente José Manuel Freire, en representación de Caixanova, quen sinalou que a entidade bancaria mantiña o seu apoio total ao Premio José Couso como mostra do comptomiso da entidade coa liberdade de prensa, e mostrou a súa felicitación aos premiados. De igual xeito, transmitiu no seu nome e no da entidade que representa os parabéns á organización pola relevancia que adquiriu o certame a nivel galego e estatal.

O secretario do premio, Darío Janeiro, lembrou que “hai unha semana se cumpriu o sétimo aniversario da morte de José Couso e aínda estamos á espera de que o seu asasinato, e o do seu compañeiro, Taras Protsyuk, sexa esclarecido e se tomen as medidas oportunas contra os culpables”, afirmando que “non pode haber impunidade para este tipo de asasinatos”. Houbo tamén unha lembranza para outros xornalistas que perderon a vida mentres realizaban o seu traballo: “Hoxe, en Ferrol, lembramos e denunciamos de novo estes crimes. Só no ano 2009 Reporteiros Sen Fronteiras cifrou en 76 os xornalistas asasinados. En 2010 van 7. Pero aínda que s fose un, sería xa un prezo demasiado alto a pagar.” Janeiro deu lectura da acta, asinada polo señor notario D. Héctor Pardo García do Ilustre Colexio Notarial de Galicia, co número 1.170. Abertos e recontados os votos, este levantou acta do resultado entre os catro candidatos que optaban galardón, sendo gañadores do premio Daniel Anido e Rodolfo Irago. Como cada ano, os gañadores foron elixidos en votación aberta e secreta polos colexiados/as do CPXG e polos asociados/as do Club de Prensa.

Pechou a comparecencia o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, quen salientou que “non son os primeiros galegos premiados, pero Rodolfo Irago si é o primeiro colexiado do CPXG” e destacou del os seus comezos como xornalista en Ferrol. Durante a intervención de Pereiro, falou tamén Daniel Anido por vía telefónica, quen agradeceu a súa “satisfacción” e a de Rodolfo Irago polo premio e confirmou que ambos os dous estarán no acto de entrega o vindeiro 7 de Maio en Ferrol. Anido, por último, quixo destacar que o seu caso non é máis do que “unha anécdota” dentro sunha serie de ataques á liberdade de expresión que sofren os medios na actualidade.

Daniel Anido, director da cadena SER, e Rodolfo Irago, xefe de informativos da mesma emisora, enfrentanse á unha discutida sentencia que os condena a un ano e nove meses de prisión e penas accesorias de inhabilitación especial para a dirección de medios de comunicación e o exercicio da actividade xornalista e a inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo que dure a pena privativa da liberdade imposta por "revelación de secretos". No seu día o CPXG emitiu un comunicado onde expresaba a súa fonda preocupación pola sentencia contra periodistas da SER e se solidarizaba cos afectados.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. Anteriormente foron galardoados con este premio o xornalista marroquí Ali Lmrabet, o xornal francés Le Monde Diplomatique, o estadounidense Jon Lee Anderson, o valenciano José Vidal-Beneyto e a catalana Rosa Maria Calaf.

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, 2010-04-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (nenos_1.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha dun programa específico para reducir o abandono escolar centrado en varóns e na poboación inmigrante sen educación secundaria de segunda etapa, é dicir, que non contan con títulos superiores ao de ESO. O responsable do Executivo autonómico apuntou que a redución do abandono escolar é un 'importantísimo asunto de carácter estrutural no que a Xunta está embarcada hai tempo'. Aínda que indicou que 'imos polo bo camiño', lembrando que Galicia pechou 2025 cunha taxa do 10,4%, case tres puntos por debaixo da media estatal, sinalou que 'non podemos conformarnos nin moito menos'. Así, lembrou que a taxa de abandono educativo temperán é case o dobre nos homes (13,5%) ca nas mulleres (7,2%), polo que o Goberno galego está a intensificar as medidas especiais sobre eles.
Foto de la tercera plana (carballo-interplay-2026.jpg) O XIII Carballo Interplay desenvolverá do 16 ao 19 de abril un programa de 32 actividades arredor da creación dixital contemporánea, das series en pequeno formato, a cultura de internet e a reflexión sobre os novos modos de comunicar na rede. O certame reforza este ano a presenza do galego como lingua de creación, conversa e pensamento no ecosistema dixital, cunha programación específica arredor dos contidos no noso idioma nas RRSS, accións formativas para a mocidade, premios dirixidos a recoñecer o talento que crea na nosa lingua e novas oportunidades para a produción de proxectos.

Notas

O Plan de Marketing Turístico de Lugo (PSTD Et edendo Lucus) é a folla de ruta 2024‑2026 que define a estratexia para posicionar á cidade como un referente europeo en turismo de calidade. O seu obxectivo principal é impulsar un turismo sostible que combine a riqueza do patrimonio romano, a biodiversidade da Reserva da Biosfera e a tradición enogastronómica da zona, para converter a Lugo nun destino imprescindible para amantes da historia, da natureza e da gastronomía, recoñecido pola súa autenticidade, innovación e compromiso ambiental.
O teatro galego celebrou a súa gran festa no Teatro Rosalía Castro da Coruña coa entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. Nunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES