A Consellería de Educación introducirá novos cambios no proxecto de decreto para o plurilingüismo, que responden á metade de emendas realizadas pola comisión permanente do Consello Escolar de Galicia, enmendas que non puideron ser debatidas na sesión plenaria.
No devandito pleno, profesorado, familias, sindicatos, persoal das administracións local e educativa e mais empresarios integrantes do Consello Escolar de Galicia amosaron o seu rexeitamento á retirada do proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, unha retirada que fora reclamada por varios sindicatos. Fronte a 24 representantes en contra, 16 dos representantes deste órgano consultivo amosaron o seu apoio a que o articulado do texto fose analizado durante o pleno.
Ante esta situación, o responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo lamentou a división amosada polo Consello Escolar de Galicia; unha división que mostra as diferenzas entre os que queren presentar e discutir modificacións para procurar un texto final máis consensuado e os que queren que se manteña en vigor o decreto de 2007. Entre estes últimos, precisou o responsable de Política Lingüística, atópanse os partidos políticos da oposición, que só perseguen desgastar ao goberno co tema da lingua, nun intento de quitar beneficio político dunha cuestión que debería estar por riba das diferenzas ideolóxicas e partidistas.
Ademais, o secretario xeral afirmou que a Xunta de Galicia non vai retirar o proxecto de decreto, porque a Administración Educativa se sente plenamente lexitimada e apoiada para seguir adiante. Neste sentido, Anxo Lorenzo recordou o resultado electoral de marzo de 2009, a consulta ás familias do pasado mes de xuño e mais o proceso de diálogo coa sociedade iniciado o pasado mes de xaneiro, que levou o Goberno a aceptar suxestións e propostas das diferentes entidades sociais e das institucións.
Preto de corenta cambios respecto do borrador inicial
O proxecto de decreto para o plurilingüismo que chegou ao Consello Escolar de Galicia xa recollía 36 cambios respecto do borrador inicial, que responden ás propostas atendidas durante o trámite de audiencia iniciado o pasado mes de decembro, como unha maior regulación das materias por decreto, un artigo específico sobre a potenciación da lingua galega, a recomendación explícita de procurar que o alumnado utilice a lingua na que se imparte a materia, un tratamento diferenciado entre as linguas oficiais e as linguas estranxeiras ou a supresión da participación das familias nos equipos de dinamización da lingua galega, entre outras.
O pasado 25 de marzo, durante o debate sobre o proxecto de decreto na Mesa Sectorial, a Consellería de Educación incluíu un novo cambio defendido polos sindicatos, que facilitará a xestión por parte dos centros. Coa introdución desta proposta, a Administración Educativa asumirá a modificación da asignación lingüística fixada no decreto cando así o determine a metade máis unha das familias do alumnado matriculado na etapa. Esta modificación, que está previsto que se introduza nos artigos 6 e 7 do capítulo III, facilitará a xestión dos centros, xa que non será o Consello Escolar quen leve a cabo a dita modificación lingüística.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.