
A Catedral de Santiago acolleu a firma do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, o Ministerio de Cultura, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, o Arcebispado de Santiago de Compostela e o Cabido da Santa Igrexa Catedral de Santiago para a dirección técnica dos proxectos de conservación e restauración do Pórtico da Gloria e do seu contorno así como das pinturas murais da bóveda e arcos da Capela Maior da Catedral de Santiago de Compostela.
A formalización do acordo tivo lugar na Sala Capitular da Catedral e foi rubricado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; a ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde; o presidente da Fundación Pedro Barrié de la Maza, José María Arias; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio; o deán da Catedral, José María Díaz. Na súa intervención, o conselleiro enmarcou o convenio na procura do máis amplo consenso e das máximas garantías técnicas. Creo que coa firma deste convenio dáse un paso correcto e necesario para ofrecer a solución óptima, asegurou.
Segundo Roberto Varela, corresponsabilidade e suma de esforzos son os criterios básicos deste convenio que aposta polo mellor traballo interdisciplinar e tecnocientífico que sexamos capaces de reunir nun equipo. Deste xeito, subliñou, trátase de ofrecer as maiores garantías técnicas nunhas intervencións claves sobre un elemento central do noso patrimonio: a Catedral de Santiago. Neste sentido, o conselleiro recordou que o Pórtico da Gloria forma parte esencial do Patrimonio Cultural de Galicia e do Patrimonio Histórico Español, pero o fai como algo máis que como un espazo arquitectónico ou como un conxunto escultórico sobresaínte; faino como elemento primordial da nosa memoria histórica e cultural, faino como espectacular e emocionante relato aberto ao mundo.
Servizos técnicos especializados
En virtude do acordo asinado, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e a Subdirección Xeral do Instituto de Patrimonio Cultural de España asumen conxuntamente a Codirección Técnica dos traballos a través dun equipo multidisciplinar formado por técnicos de ambas institucións. Un Comité Científico, integrado por expertos de recoñecido prestixio nas distintas materias e técnicas que interveñen no obxecto dos proxectos, asesorará e colaborará coa Codirección Técnica na búsqueda dos criterios máis axeitados nas diferentes fases da intervención. Para a contratación dos servizos técnicos especializados que permitan o desenvolvemento do convenio, a Consellería de Cultura e Turismo achegará un total de ata 200.000 euros.
Entre as liñas de actuación establecidas no convenio, corresponderá á Fundación Pedro Barrié de la Maza a xestión da política de comunicación e difusión do Programa Catedral. Pola súa banda, o Arcebispado de Santiago de Compostela e o Cabido da Catedral comprométense á prestación da maior colaboración no desenvolvemento dos traballos e na disposición de espazos e acceso dos técnicos para a realización dos labores previstos.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.