Notas de prensa

Xuventur ofrece aos mozos galegos 356 prazas para fins de semana multiaventura en casas de turismo rural de Lugo

A iniciativa desenvolverase nas fins de semana dos meses de abril, maio e xuño e nela poderán participar todas aquelas persoas que teñan entre 18 e 35 anos. A delegada territorial da Xunta en Lugo presenta o programa Xuventur.

Estancias en casas de turismo rural a metade de prezo e coa posibilidade de realizar actividades complementarias como piragüismo, sendeirismo ou escalada. Esta é a oferta de Xuventur, o programa turístico dirixido á mocidade que presentou a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias.

O programa desenvolverase entre os meses de abril, maio e xuño, excluídas as datas da Semana Santa, e ten por obxecto dinamizar o sector turístico galego á vez que ofrecer alternativas de ocio á mocidade a prezos asequibles. Está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar e mais a Secretaría Xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo.

Os mozos e mozas galegos de entre 18 e 35 anos poderán contratar dúas noites de estancia en establecementos de turismo rural, con manutención completa, e unha variada oferta de actividades, por un prezo pechado de 100 euros –e un 25% menos co carné xove-. En total, ofértanse arredor de 1.500 prazas de aloxamento en toda Galicia a un prezo que é entre 50% e o 60% máis barato do que custaría en condicións de mercado.

Tamén está incluído no programa o transporte das persoas que participan dende o aloxamento ao lugar onde se realizarán as actividades durante a xornada do sábado e do domingo, así como o equipo de monitores e o material preciso para o seu desenvolvemento.

Na oferta de actividades do Xuventur na provincia de Lugo hai tres programas diferentes, que comprenden actividades como: Sendeirismo, piragüismo, paintball, tiro con arco, escalada e rápel, rutas en bicicleta de montaña, carreiras de orientación con gps, canoas, visitas guiadas e culturais, espeleoloxía, ou xogos de rol en vivo dramatizados,

A oferta en Lugo

A estrea do programa producirase a fin de semana do 9 ao 11 de abril, e no caso da provincia de Lugo as primeiras casas de turismo rural participantes serán as de Casa da Aira e Casa Carlos (Folgoso do Courel), A Salanova (A Pobra do Brollón), e Casa Reboiro (Monforte de Lemos).

O programa desenvolverase cada fin de semana nun grupo seleccionado de casas de turismo rural distribuídas por toda a xeografía galega. “Na provincia de Lugo ofértanse en total 356 prazas, repartidas en 34 establecementos situados en 18 concellos diferentes, e todos eles pertencentes a asociacións do sector (Aturmar, Rurancares, Serra do Courel ou Lugosur)”, segundo explicou a delegada territorial, que subliñou que esta ampla oferta supón que “Lugo conta con case a terceira parte do centenar de establecementos que participan no programa Xuventur”.

Os concellos nos que se ubican os establecementos de turismo rural son: Folgoso do Courel, Monforte, Trabada, Ribadeo, Cervo, Foz, Mondoñedo, Viveiro, Barreiros, Cervantes, Becerreá, Navia de Suarna, A Pobra de Brollón, Bóveda, O Incio, Taboada, Pantón, O Saviñao.

Xuventur ten o propósito de facilitar que os mozos e mozas poidan coñecer a xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia, promovendo o seu respecto.

A delegada territorial, Raquel Arias, sinalou que “na orixe deste programa está a intención de proporcionar á xente nova a oportunidade de vivir a experiencia do turismo activo e promover a educación ambiental e o ocio saudable nun entorno natural, no que Lugo ten un posto de referencia”.

Pero, do mesmo xeito, aclarou, nos obxectivos desta iniciativa tamén se atopa o de “estimular o movemento económico no sector”, xa que o programa Xuventur intenta compensar ao sector turístico en momentos de baixa ocupación.

Neste sentido, destacou que esta iniciativa serve tamén para “desestacionalizar o sector tamén no ámbito laboral, promovendo o emprego dos monitores das empresas de multiaventura, que doutro xeito quedaría practicamente limitado aos meses de verán”.

Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, 2010-03-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES