Notas de prensa

A USC ampliará en 37.000 metros cadrados o campus de Lugo co proxecto Campus 2015

O proxecto Campus 2015 promovido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en Lugo suporá a ampliación das dotacións universitarias en 37.000 metros cadrados en 5 anos, e cun investimento de 20 millóns de euros. Campus de Lugo 2015 pretende consolidar a oferta docente existente e incrementar a investigación e o emprendemento.

O reitor da USC, Senén Barro, presentou o proxecto de desenvolvemento do Campus de Lugo co horizonte posto no ano 2015. Nun acto celebrado na Vicerreitoría luguesa, estivo acompañado do presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e do alcalde da cidade, Xosé Clemente López Orozco. Tamén asistiron os vicerreitores de Coordinación do Campus, Carlos Herrero, e de Economía, Financiamento e Infraestruturas, Miguel Vázquez Taín.

Campus de Lugo 2015, denominación do plan presentado, pretende consolidar a oferta docente existente e desenvolver a nova de forma axeitada, así como incrementar o potencial investigador e de emprendemento xa demostrado ata o de agora. “Atópamonos –lembrou o reitor- no máis desenvolvido dos campus non centrais do Sistema Universitario Galego, cunha oferta docente da que se benefician máis de 6.000 estudantes e cunha capacidade investigadora, uns servizos e unha infraestruturas moi importantes, sensiblemente reforzadas nos últimos anos”.

O desenvolvemento do plan implicará, entre outras actuacións, a construción de novos edificios de servizos e para centros singulares de investigación, a Escola de Enxeñaría Civil ou un pavillón polideportivo. Ademais suporá unha modificación substancial do urbanismo na principal arteria de entrada á cidade, o que permitirá amosar “un Lugo milenario e, ao tempo, moderno e atractivo para estudar, investigar ou investir”, subliñou Barro.

NotaDáse continuidade así ás intervencións desenvolvidas no Campus lugués entre 2002 e 2010, valoradas en máis de 21 millóns de euros e en máis de dez para equipamento científicos. Entre elas a sede do IBADER, o edificio CACTUS, as novas instalacións da Facultade de Ciencias, a Estación de Bioloxía do Courel ou o Museo e Casa do Coñecemento, anexo á Vicerreitoría.

“Ben organizado e harmónico”, subliñou o reitor ao referirse á distribución do campus lugués, en 2015 contará coa incorporación dunha serie de novas parcelas a través dun proceso de expropiación de máis de 25.000 metros cadrados que será realizado e financiado pola Deputación de Lugo. Segundo indicou Senén Barro, neste senso xa se atopa en fase de redacción o proxecto de execución da futura Escola de Enxeñaría Civil. O resto de actuacións están vinculadas á incorporación do solo a expropiar. Serán un conxunto de intervencións que completarán o abano de servizos do Campus, establecendo instalacións deportivas propias e, sobre todo, reforzando os espazos e medios para a investigación, a transferencia e o emprendemento.

Ademais, o proxecto suporá a integración no perímetro do Campus dunha finca de prácticas de 13.000 metros cadrados, recentemente cedida polo Concello e que se irá incorporando na medida en que se vaia dispoñendo do solo previsto para a ampliación do Campus no PXOM e que suporá un incremento adicional de máis de 30.000 metros cadrados na superficie total do Campus.

É un conxunto de iniciativas que conforman un “ambicioso proxecto” xa en execución que permitirán a Lugo “seguir desenvolvéndose dun modo importante nos próximos anos” e que “acentuará o seu papel como un dos principais campus do Estado no seu ámbito de especialización”, concretou Senén Barro. Este desenvolvemento concretarase “sobre todo na investigación, a transferencia e o emprendemento”, engadiu, “aproveitando o impacto da actividade investigadora do medio centenar de grupos de investigación e as importantes infraestruturas de investigación xa dispoñibles”.

Cooperación

En Campus de Lugo 2015 conflúe a implicación da USC, Deputación e Concello de Lugo, colaboración institucional que redundarán no beneficio do Campus tanto no relativo á docencia como á investigación, e que representa “unha aposta polo desenvolvemento socioeconómico da cidade, da provincia e do conxunto do país, sobre todo no sector primario, tan necesitado da inxección de coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico”.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2010-02-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES