A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, Turespaña e os doce concellos pertencentes ás comarcas ourensanas de Monterrei-Verín e Viana do Bolo-Conso Frieiras aprobaron o Plan de Competitividade Turística Portas de Galicia por un importe total de 2.500.000 euros para fomentar o desenvolvemento turístico desa zona do territorio galego. O obxectivo do Plan é o de crear unha marca turística sólida xeradora de experiencias e cohesionadora do destino nesa área xeográfica galega.
Castrelo de Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso son os doce concellos que se beneficiarán do Plan, que se enmarca dentro das políticas turísticas deseñadas polo Plan do Turismo Español Horizonte 2020.
Cada unha das administracións implicadas participa cun 33% do total do investimento.
Para lograr unha boa execución do Plan de Competitividade crearase unha Comisión de Seguimento sen personalidade xurídica, que será a encargada de funcións como a eliminación ou aprobación de novas actuacións, programación, resolución de problemas de interpretación do convenio ou autorizar e supervisar o labor da xerencia, dedicada a impulsar, difundir, coordinar e efectuar propostas sobre as actuacións do Plan e solicitar a documentación para a xustificación das actuacións.
Obxectivos
A vocación do sector turístico como instrumento de reequilibrio territorial se plasma nesta aposta polo interior galego; Este convenio entre as tres institucións ten como obxectivo conseguir a diferenciación e especialización da oferta, tanto no destino en si mesmo como nos produtos turísticos que se ofrecen para introducir a experiencia turística como elemento motivador da viaxe. Ademais o Plan persegue o desenvolvemento de políticas de xestión a partir de novas formas de colaboración público-privado que propicien a mellora económica e social do territorio, a desestacionalización do turismo, a mellora da calidade do emprego e da competitividade das pymes turísticas.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo apoia este convenio coa finalidade de mellorar a situación turística da Comunidade Autónoma, a través de diferentes actuacións como a promoción de plans, programas e normas para a modernización e adecuación da industria turística ás tendencias da demanda. Con este convenio a provincia de Ourense recibirá o impulso necesario para situala como un destino turístico de referencia en Galicia.
Actuacións
Coas Portas de Galicia visualízase o Plan de Competitividade, que contempla outras actuacións como a estruturación do destino a través de varias accións, como un tren turístico, proxectos innovadores como a creación dun produto turístico baseado na idea dun bosque máxico galego, rutas na Vía da Plata e a Calzada Romana, potenciación de produtos agroalimentarios, con experiencias enogastronómicas variadas, entre outros.
O Plan do Turismo Español Horizonte 2020 ten como obxectivo principal que no ano 2020 o sistema turístico español sexa o máis competitivo e sostible, aportando o máximo benestar social. Este proxecto turístico busca revalorizar aqueles recurso que fomenten o equilibrio socio-territorial do turismo, creando novas categorías do produto capaces de operar todo o ano sobre a base da diferenciación e especialización dos destinos turísticos.
Os PCT son unha iniciativa da Secretaría General de Turismo do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio que busca a implicación e colaboración de das administracións a todos os niveis no desenvolvemento turístico dos territorios. A Consellería de Cultura e Turismo a través da Secretaría Xeral para o Turismo manifesta co seu apoio ao desenvolvemento deste plan a súa intención de apostar pola provincia de Ourense como un destino turístico de primeira orde dentro da comunidade galega.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.