Notas de prensa

Investigadores sobre o franquismo reúnense en Santiago de Compostela

Este VII Encontro, que se desenvolve en Santiago entre os días 11 e 13 de novembro, aspira a dar un paso máis no coñecemento do que foi a ditadura polo que abre as súas portas a todos aqueles investigadores que actualmente traballan sobre este período.

Desde hai case vinte anos celébrase en distintos puntos de España o Encontro de Investigadores sobre o franquismo. Nesta ocasión, a organización da sétima edición correspóndelle ao Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC en colaboración coa Fundación 10 de Marzo.

Este VII Encontro, que se desenvolve en Santiago entre os días 11 e 13 de novembro, aspira a dar un paso máis no coñecemento do que foi a ditadura “polo que abre as súas portas a todos aqueles investigadores que actualmente traballan sobre este período histórico”, indicou o profesor da USC Daniel Lanero, que estivo acompañado na presentación do director da área de Historia da Fundación, Víctor Santidrián.

O encontro desenvolverase arredor de seis mesas de discusión sobre Mundo do traballo; Migracións e exilios; Identidades e conflitos territoriais; Dinámicas políticas durante o franquismo; Sociedade e movementos sociais; e Cultura e opinión. En cada unha delas un relator analizará as comunicacións presentadas, marcando as liñas do debate que se abrirá a continuación.

Respecto ás edicións anteriores, este ano o encontro contempla a novidade de dúas mesas redondas; a primeira será unha posta ao día dos estudos sobre o franquismo, mentres que na segunda debaterase sobre un ámbito da investigación moi prolífico nestes últimos anos como é a represión. Ademais, tamén este ano por primeira vez durante todo o encontro os asistentes coñecerán os pósteres que sobre a represión presenten os investigadores procedentes do mundo académico ou das numerosas asociacións que traballan neste campo.

Expertos de renome

Será o mércores 11 cando ás 11:30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) se inaugure o encontro, que logo desenvolverá todas as xornadas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. A encargada de pronunciar a conferencia inaugural será a escritora Esther Tusquets, unha das referencias do mundo editorial español dende a década de 1960, tanto dende a editorial Tusquets como dende Lumen. Autora de máis dunha quincena de novelas e libros de relatos, o seu último libro, de carácter autobiográfico e onde reflicte o mundo de valores da burguesía conservadora da Barcelona de posguerra, é Habíamos ganado la guerra (2008).

A partir de aí sucederanse numerosos relatorios de expertos de renome como Emilio Silva Barrera, fundador e presidente da Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH); Jordi Gràcia, un dos maiores coñecedores da historia cultural do franquismo e da transición; Manuel Loff, especialista na análise do franquismo e do salazarismo en perspectiva comparada; ou Carme Molinero, experta na análise da evolución sociopolítica do franquismo, entre outros.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2009-11-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES