
Carta pastoral do bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco Rouco: A palabra de Deus, luz para os pobos. Domund 2009
Queridos irmáns,
O domingo 18 de outubro celebramos un ano máis a Xornada do Domund, e faremos unha gran colecta a favor das obras misionais da Igrexa universal.
Antes da súa Ascensión, o Señor pediu aos seus discípulos que levasen a luz do Evanxeo a todas as nacións, ata os confíns do mundo. Deunos con iso participación na obra certamente máis decisiva para o destino dos pobos e das persoas. Xa que, iluminados pola Palabra de Deus, coñecendo mellor a verdade sobre a nosa situación como homes no mundo, acollendo con gozo o amor e a misericordia do Pai, e a graza que reforza e anima corazóns e intelixencias, será posible ás persoas e ás nacións levar a bo porto o seu camiño histórico. Será posible o que a experiencia de cada día parece mostrar como algo imposible na práctica. Poderanse deixar atrás inimizades, guerra e corrupción, dar á propia vida unha forma boa, animada por aquela esperanza de salvación que permite a quen sería débil e pequeno non se afundir nas dificultades, afrontar o mundo vivindo na verdade e manter sempre un amor paciente e inquebrantable.
A salvación das persoas, a forma da súa vida e a dos pobos, necesita a luz da Palabra de Deus, necesita a Xesucristo, que ningunha ideoloxía ou ningunha figura humana pode substituír, por poderosas que sexan ou parezan.
Celebrar o Domund, participar da misión ad gentes, é esencial para o noso propio ser cristiáns. Para que a nosa fe teña o alento universal sen o cal morre; pois non podemos crer de corazón en nada que non sexa verdadeiro para todo home, que non nos leve a abrazar todas as dimensións da vida e do mundo. E porque na misión o noso amor vive o gozo da entrega aos nosos irmáns, do servizo concreto aos máis necesitados, e experimenta a unidade e a comuñón máis alá de todos os muros que separan os homes. A participación na misión esperta en nós de novo, en modo vivo, a certeza de que Xesús é o Señor, o Salvador do mundo.
Non podemos deixar de recordar hoxe e dar grazas a Deus por tantos misioneiros e misioneiras, irmáns nosos, que dedican a súa vida ao anuncio do Evanxeo incluso "en situacións de persecución, con formas de opresión que van dende a discriminación social ata o cárcere, a tortura e a morte" (Benedicto XVI, Mensaxe para a xornada mundial das misións, 29-06-2009). Moitos son incluso seres queridos e coñecidos, familiares e amigos, membros da nosa Igrexa. Nunca lles agradeceremos bastante o seu testemuño de fe e de amor, dado no medio e a favor dos homes, na obediencia filial ao Pai.
Que nesta xornada do Domund o Señor aumente en nós, polo seu Espírito, a alegría profunda da fe e a paixón por comunicala; o gozo ante as marabillas que cumpre nos nosos misioneiros e misioneiras, e o desexo de estar ao seu lado, co noso testemuño diario en medio do mundo, cos nosos medios espirituais e materiais, e, se Deus quere, coa entrega da nosa propia persoa na vocación misional.
Este é o don máis grande que debemos pedir ao Señor, por intercesión da Virxe María, da que nos naceu a Palabra feita carne, Xesús, luz que ilumina ás nacións e gloria do seu pobo, gloria e esperanza nosa.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.