Notas de prensa

Os galegos participantes nas Olimpiadas de FP consiguen 4 medallas de ouro

Dezaoito estudantes galegos participaron nas XXXII Olimpiadas da FP Spain Skills 2009 e nos XL World Skils acadando un total de oito medallas, 4 delas de ouro.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou os diplomas de participación aos alumnos e alumnas galegas presentes nas XXXII Olimpíadas da Formación Profesional. Spain Skills 2009 e nos XL Campionatos Internacionais da Formación Profesional World Skills 2009.

Nove alumnos e nove alumnas representaron a Galicia na trixésimo segunda edición das olimpíadas da Formación Profesional Spain Skills, celebradas en Madrid no pasado mes de abril. As competencias dos representantes galegos quedaron demostradas nesta competición nas catro medallas de ouro, dúas medallas de prata e dúas medallas de bronce acadadas.

Uns méritos que tamén recoñeceu Vázquez Abad ao expresar as súas felicitacións “a todas aquelas persoas implicadas nesta iniciativa: o alumnado, o profesorado titor polo seu esforzo na formación para a competición, aos xefes do equipo galego, os integrantes dos xurados e a todos que, co seu esforzo, fixeron posible a participación de Galicia nestas olimpíadas”. O conselleiro destacou ademais a importancia da Formación Profesional na actualidade, tal e como se demostra nas listas de matriculacións que aumentan anualmente, e destacou que “este alumnado é o exemplo do cambio experimentado pola formación profesional nestes últimos anos”.

Todo isto -engadiu o conselleiro- sen esquecer que é preciso continuar potenciado esta alternativa educativa. “Debemos, dixo o titular de Educación, poñer en marcha iniciativas que contribúan á súa difusión e que creen ilusión entre a xente nova de cara ao seu futuro, especialmente nestes momentos en que a situación económica actual esixe unha formación profesional que permita lograr empregos de calidade, que achegue riqueza e benestar á sociedade e que sexa accesible a un maior número de persoas”.

España estivo representada no campionato mundial Worls Skills por tres mozos galegos, que competiron xunto con rapaces e rapazas de 52 países asociados, na primeira semana de setembro en Calgary (Canadá), nun acontecimiento convocado por WorlsSkills International. As experiencias no SpainSkills e no WorlsSkills é para todos os participantes, segundo as súas palabras, “unha oportunidade incrible”, que “abre moitas portas, sobre todo ao mercado laboral”.

Unha porta aberta ao mercado laboral

No acto de entrega de diplomas, Sabela Garrido Comesaña, do IES Teis (Vigo) falou en nome de todos os 18 participantes en ambas competicións. A moza, que representou a Galicia no Skill de Peiteado en Canadá, destacou que “ser seleccionada no SpainSkills para representar a España en Canadá e un pracer e unha alegría”, e engadiu que “é un orgullo e unha honra ter sido seleccionada primeiramente na competición galega para participar na Skill a nivel estatal”, onde gañou a medalla de ouro. Esta moza agradeceu a todo o equipo do seu centro, “en especial á miña titora” o apoio e a preparación que lle brindaron para se enfrontar á esta competición.

Os participantes galegos das Olimpíadas, a nivel español e internacional, deixaron patente a calidade da súa capacitación profesional durante os certames. “Algunhas das probas xa as levabamos preparadas”, explicou Sabela Garrido, “pero polo menos dúas eran sorpresa: dúas fotos de peiteados que había que realizar, sen que antes soubera cales eran”.

Pola súa banda Irene Márquez Fernández, do IES Paseo das Pontes (A Coruña), demostrou as súas habilidades profesionais en Tecnoloxía da Moda en Canadá coa creación -deseño, realización de patróns e confección- dun traxe de noiva. Sobre o seu paso pola competición sinalou que “é unha gran experiencia, fai crecer á persoa, loitar cada día un pouco máis e non rendirse diante dun contratempo. O premio que conseguín en SpainSkills pódeme abrir portas, pero se non sigo a formarme en canto a estudos, e ir aprendendo cada día un pouco máis, de nada me vale". Márquez destacou de todo o vivido que “a FP é unha oportunidade para acceder ao mundo laboral, porque tamén hai prácticas en empresas. As prácticas dan moita experiencia laboral”.

No acto, no que tamén estiveron presentes o secretario xeral de Educación, José Luís Vázquez; e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luís Mira Lema; fíxoselle entrega dun agasallo aos profesores e profesoras que actuaron como membros expertos da nosa comunidade autónoma nos diferentes xurados das SpainSkills. Con este recoñecemento a Consellería de Educación quere pór en valor o seu papel como titores e asesores directos dos alumnos e alumnas participantes; así como a súa profesionalidade, sen a que non sería posible ter acadado as oito medallas.

Expertos en trece áreas profesionais

Compre sinalar que os dezaoito rapaces galegos mediron as súas destrezas e habilidades nas SpainSkills, nas que competiron un total de 163 estudantes de ciclos formativos procedentes de centros educativos de todas as comunidades autónomas do Estado, en dezaoito skills ou áreas profesionais.

Os estudantes galegos tomaron parte en trece das dezaoito skills, de diferentes familias profesionais. Deste xeito, dúas rapazas competiron en Peiteado e Coidados de Beleza, cinco en Tecnoloxía da Moda, e dúas en Vehículos Industriais. Mentres que os mozos mostraron as súas destrezas en Tecnoloxía do automóbil, Pintura de vehículos, Ebanistería, Carpintaría, Deseño web, Soportes de rede, Carrozaría de vehículos, Servizos de restaurante e bar, e Cociña.

Desta competición escolleuse unha selección nacional que representou a España nas WorldSkills celebradas en Canadá do 2 ao 5 de setembro, desta fase saíron as galegas Sabela Garrido en Peiteado, e Irene Márquez en Tecnoloxía da Moda; xunto a Rubén Pico, de Reparación de carrozarías de vehículos, os tres demostraron a calidade da Formación Profesional.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, 2009-10-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES