
Dende o ano 2003 e de maneira pioneira, a Universidade de Santiago publica a súa Memoria de Responsabilidade Social coa que afianza o seu compromiso e vontade coa rendición de contas máis alá da obrigatoria e habitual memoria económica. A correspondente a 2006 e 2007 presentouna este venres no Centro de Estudos Avanzados o reitor Senén Barro nun acto público que presidiu o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e no que interveu o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira. Na mesa estaban tamén presentes o secretario xeral de Universidades, José Díez de Castro, e a vicerreitora de Calidade, Dolores Álvarez.
Baixo a coordinación da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, a elaboración desta memoria segue a metodoloxía de Global Reporting Initiative (GRI3), un dos modelos con maior aceptación no ámbito mundial. O documento, informa á sociedade do desempeño de todas as actividades propias da Universidade de Santiago nos campos económicos, social e medioambiental. Deste xeito, ademais dos aspectos vinculados ao orzamento, resultado económico e balance de situación, a memoria transmite dunha maneira fácil e comprensible a todos os grupos de interese as actividades realizadas e os beneficios sociais derivados das mesmas, así como o impacto ambiental asociado e as actuacións emprendidas para reducilo.
Na súa presentación o reitor falou do compromiso ético das Universidades non só coa súa comunidade académica senón con toda a cidadanía. Falamos dun compromiso social, ambiental e co desenvolvemento económico obrigados por razóns éticas e estratéxicas e impulsados por unha maior demanda social, dixo. Entre os diversos apartados da memoria salientou os referidos á xestión económica e ao compromiso coa formación, co persoal, coa calidade e a aprendizaxe, coa sociedade e co desenvolvemento sustentable.
Para Manuel Puga as institucións públicas deben ser xestionadas tendo en conta a súa misión, valores e obxectivos; con prácticas demostrables de bo goberno; xestionadas con criterios éticos e comprometidas coa sustentabilidade, rendendo contas aos seus propietarios, á sociedade ou a órganos de Goberno como os que el mesmo preside. A ese respecto, informou de que na última xuntanza da Conferencia de Presidentes e Secretarios de Consellos Sociais de Universidades a USC foi un referente permanente por ser a Universidade que encetara este vieiro no panorama español e que tiña avanzado máis por esta senda.
Sete capítulos
O informe, estruturado en sete capítulos e a disposición de todos os interesados na súa versión electrónica, comeza cunha presentación da misión, visión e valores da universidade, o seu goberno e estrutura e os principais premios e distincións recibidos. Partindo destes puntos mostra en base aos feitos acometidos e aos principais indicadores o compromiso da USC coa formación, a calidade e a aprendizaxe, a sociedade, o persoal e o desenvolvemento sostible, dando conta ademais da súa xestión económica e do valor económico e social xerado, todo enmarcado dentro do código ético, o plan estratéxico vixente e outros plans operativos, subliñou Barro.
A Memoria de Responsabilidade Social 2006 e 2007 é só unha peza do modelos de responsabilidade social da USC que a través destes últimos anos se foi consolidando, advertiu a vicerreitora de Calidade. Así, a través da lectura desta Memoria visualízase unha universidade orientada cara as necesidades e expectativas dos diversos grupos de interese, atenta ao impacto ambiental derivado da súa actividade e onde reinan principios de eficiencia no uso de recursos, transparencia, participación e diálogo cos distintos grupos de interese interno e externo e a rendición de contas.
En resumo, a memoria pon de manifesto que a Responsabilidade Social na USC vai máis alá do cumprimento legal e non responde a accións puntuais e esporádicas senón que cada vez está máis integrada na súa cultura e estratexia e, polo tanto, presente en todos os seus procesos, afirma a vicerreitora.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse a impulsar e crear incentivos para que os axentes económicos e sociais se fagan eco do potencial e utilidade da responsabilidade social e poidamos, así, acadar unha sociedade mellor para as xeracións vindeiras, a defensa dos nosos valores comúns e unha maior solidariedade e cohesión. O mandatario galego asistiu á presentación da Memoria de Responsabilidade Social da Universidade de Santiago, onde eloxiou o compromiso da institución académica coas persoas, o desenvolvemento económico e o medio ambiente; un compromiso compartido tamén plenamente pola Xunta de Galicia, dixo.
Igual que a empresa superou, dalgún modo, o enfoque filantrópico do investimento social, a Universidade e, en particular, a de Santiago de Compostela, superou o enfoque da formación para ir cara á proxección social da Academia. Todo un reto, resaltou Feijóo, quen considerou que a responsabilidade social da Universidade debe promover principios éticos e o desenvolvemento social equitativo e sostible para a produción e transmisión de saberes responsables.
O xefe do Executivo autonómico, recoñeceu a traxectoria e evolución ao longo destes anos da USC e manifestou que a reforma da Universidade de Santiago de Compostela non foi só cosmética, senón que soubo reflexionar verdadeiramente sobre o significado social da produción de coñecemento e a formación de líderes e profesionais.
Conceptos como ética, responsabilidade e compromiso hoxe en día non só son necesarios, senón imprescindibles nesta sociedade que nos toca vivir, enfatizou.
Feijóo felicitou á Universidade e, especialmente ao Vicerreitorado de Calidade e Planificación pola valentía amosada ao elaborar a memoria; e ao reitor, por impulsar as diferentes iniciativas que se agrupan baixo o paraugas da responsabilidade social das empresas como, por exemplo os premios, as redes, ou a oficina de desenvolvemento sostible.
A rendición de contas é un exercicio necesario da transparencia con toda a comunidade académica, empresas, institucións, administracións e coa sociedade civil en xeral, lembrou o presidente, quen recoñeceu que a USC deu un paso máis ao dar conta dos resultados do impacto que a súa actividade xera na nosa sociedade. Feijóo celebrou a consolidación desta iniciativa e asegurou que hai xa un lustro que a Universidade compostelá puxo en marcha a responsabilidade social das empresas como ferramenta para mellorar a calidade da educación.
Integrar preocupacións sociais e ambientais
Neste contexto, o titular da Xunta lembrou que, no caso das empresas, a súa responsabilidade social supón que integren as preocupacións sociais e ambientais nas súas operacións empresariais e as súas relacións cos seus interlocutores. Ante isto, o presidente lembrou cómo hai empresas que deciden ir máis aló dos requisitos xurídicos básicos e obrigas mínimas presentes nos convenios colectivos para considerar as necesidades sociais; o que é verdadeiramente relevante polo seu impacto positivo na sociedade, admitiu.
Indicou que esta responsabilidade social do mundo empresarial responde, en boa parte, a unha demanda dos cidadáns. Feijóo salientou neste punto, o feito de que esiximos cada vez máis información sobre as condicións de produción dos bens e servizos que consumimos, así como o sei impacto na sociedade. Apuntou que o Pacto Mundial das Nacións Unidas define prácticas e principios básicos para que as empresas exerzan esa responsabilidade social, e resaltou que a el se sumaron case 900 empresas en España, de entre as cales máis de 40 son galegas.
As nosas empresas están convencidas co prometidas socialmente e convencidas de que, posiblemente, unha reformulación do modelo económico actual podería dar lugar a un novo paradigma empresarial, mesmo máis rendible que o baseado exclusivamente ex aspectos económico-financeiros, alegou.
Unha Universidade de referencia en Europa
O xefe do Goberno galego destacou que a USC tense consolidado como unha das universidades españolas de referencia no sistema universitario europeo, mellorando a súa calidade docente e impulsando a investigación. E, ante isto, Feijóo propuxo seguir facendo o camiño da calidade e da excelencia, cara aos novos retos que marca o Espazo Europeo de Educación Superior, unha fonte de oportunidades, dixo, que autoridades académicas, profesores, alumnos e Administración saberemos aproveitar.
Esta é unha Universidade con longa traxectoria histórica, pero que camiña cara ao futuro con dinamismo e innovación, apostilou Feijóo, que animou á institución académica a continuar pola senda da integración dos principios, valores e prácticas do desenvolvemento sostible en todas as facetas da educación, para dotar aos estudantes da actitude responsable que require a nosa sociedade e profesionais de futuro.
Concluíu asegurando que hoxe a USC presta un bo servizo a imitar polo conxunto do sistema universitario galego, único, que configura unha única Galicia universitaria máis forte, máis útil e máis competitiva.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.