Notas de prensa

Compostela acolleu os actos conmemorativos do Día contra a Explotación Sexual

Os participantes no debate sobre a trata de persoas enmarcado na conmemoración do Día Internacional contra esta práctica remarcaron a necesidade de que a sociedade asuma como propio un problema que non só se pode trasladar á xustiza, aos servizos sociais ou á política.

A xornada celebrada con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas concluíu cunha intervención do conselleiro de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, na que quixo agradecer a “impagable” colaboración das Organizacións Non Gobernamentais coa Administración Pública e a Xustiza: “ A Xunta de Galicia e a Fiscalía Superior de Galicia comprométense a afrontar xuntos este grave problema. E sabemos que poderemos contar coa colaboración impagable das Organizacións Non Gobernamentais”.

Así mesmo, Afonso Rueda apuntou tamén cara a esperanza de poder contar có compromiso da sociedade, “fundamental para pecharlle o paso ás redes criminais e abrirlle un camiño de oportunidades ás mulleres explotadas”. O obxectivo último é, en palabras do conselleiro, facer efectivo o lema “tolerancia cero para os criminais e protección total para as vítimas”.

Neste sentido, Alfonso Rueda declarou que iniciativas como estas xornadas, organizadas pola Secretaría Xeral da Igualdade, contribúen a espertar a conciencia social ante un problema que afecta a todo o mundo. “A explotación sexual ademais de menoscabar a dignidade das vítimas, menoscaba tamén a dignidade do século XXI, dos Estados e de todos nós”, sentenciou.

Unha solución conxunta

Sobre esta base, a mesa redonda celebrada antes da clausura da xornada serviu para profundar na problemática crecente da trata na nosa sociedade. Na mesma interviñeron Susana García Baquero, fiscal de Adscripción Permanente de Vigo; Raúl Torres, coordinador Médicos do Mundo Galicia; e María del Carmen Alonso, directora do programa da Muller de Cáritas Ourense. E todos eles apuntaron cara a necesaria colaboración entre as distintas partes para por fin ao conflito. “A sociedade debe poñer solución a un problema que non se pode trasladar unicamente á Fiscalía, á asistenta social que lle cadre, ou ao deputado correspondente”, manifestou Torres. Nesta liña, García Baquero reforzou a cooperación necesaria entre organismos: “Os fiscais necesitamos das Organizacións Non Gobernamentais porque son elas as que están en contacto coas chicas e poden ver nas rúas as persoas cos indicadores necesarios para ser vítimas da trata de brancas”. E engadiu: “É necesario manter estás reunións, cursos e charlas para ter claros os indicadores”.

Pola súa banda, María del Carmen Alonso incidiu na necesidade de impedir que a sociedade acepte este problema: “Non é bo, para ningunha sociedade, tolerar a situación actual”. Idea que quixo ser reforzada, no seu discurso de peche, polo conselleiro Alfonso Rueda: “Tense dito, e con razón, que neste grave asunto se funciona ás veces dende o fatalismo, dende a idea equivocada de que a trata de mulleres é inevitable. E non pode ser. O Estado Social de Dereito perdería toda a súa razón de ser se contemplase este fenómeno dende a resignación”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2009-09-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES