Notas de prensa

Galicia, única comunidade cun laboratorio de detección de produtos perigosos

Os productos inseguros máis detectados neste laboratorio pioneiro da Coruña son os relacionados coa vestimenta dos adultos e os xoguetes. As irritacións cutáneas son os principais riscos detectados, seguido do choque eléctrico, queimaduras e o perigo de asfixia, entre outros.

O Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destacou na súa visita ao Laboratorio de Consumo de Galicia, na Coruña, que a nosa Comunidade é “pioneira” en materia de avaliación e análise de riscos de productos industriais por ser “a única” autonomía do Estado que conta cun centro acreditado que ademais de analizar os potenciais perigos dos artigos enviados por particulares ou procedentes das reclamacións efectuadas, investiga as mostras que lle envía a Inspección de consumo, para avaliar se os produtos cumpren os requisitos esenciais de seguridade.

O Estatuto Galego do Consumidor, a Constitución española e a lexislación europea establecen que un dos dereitos básicos dos consumidores é a protección da propia saúde e seguridade, de xeito que na observancia desta normativa téñense creado “redes de alerta” que funcionan como mecanismos de coordinación entre as diferentes autoridades para o control do mercado, que utilizando as novas tecnoloxías intercambian e comparten información relevante sobre produtos non alimenticios que entrañan un risco para os consumidores. De feito, actualmente coexisten unha rede de ámbito europeo (RAPEX) e outra de ámbito nacional (SIRI) perfectamente coordinadas mediante os correspondentes órganos de control.

Esta mesma lexislación obriga aos productores e distribuidores a colocar no mercado productos seguros, e reserva a función de vixiar a aplicación desta normativa ás autoridades, de xeito que en Galicia é a Inspección de consumo a encargada de comprobar os niveis de seguridade dos artigos que saen ao mercado. Por ese motivo, nesta Comunidade Autónoma fanse campañas programadas nas que se toman mostras de diferentes produtos que despois son analizadas no Laboratorio de Consumo de Galicia (LCG) para testar os niveis de seguridade dos mesmos.

Segundo o conselleiro de Economía e Industria, no proceso de control da seguridade dos artigos a venta “cómpre destacar o papel protagonista que está a desenvolver a Comunidade galega, por ser a que máis recursos e esforzos dedica ás labores de investigación en materia de seguridade dos produtos non alimenticios, co obxectivo de minimizar tódolos riscos que poidan correr os usuarios”.

Guerra, acompañado na súa visita pola directora xeral de Comercio, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta, Diego Calvo, salientou hoxe que Galicia é a autonomía que máis produtos notificou a rede de alerta no presente exercicio, 112 dos 610 incluídos na lista, que supón o 18,36% dos artigos que se expoñen na rede de alerta nacional. De feito, os produtos notificados nos últimos seis meses suman un total de 83, unha cantidade que xa ten superado aos 80 detectados ao longo de 2008.

Actualmente o Laboratorio de Consumo de Galicia analiza e controla os produtos industriais, agrupados nas seguintes liñas de actuación: lixivias e artigos de limpeza, electrónicos, fibras e téxtiles, material de aparatos eléctricos e pequeno electrodoméstico, xoguetes e material escolar e artigos de puericultura.

Os productos inseguros detectados en maior número son os relacionados coa vestimenta dos adultos que supoñen o 28,6% do total; despois os xoguetes co 24,1%; seguidos dos acendedores que suman o 11,6% debido a posta en vigor dunha nova normativa que prohibe os chisqueiros de fantasía, á vez que obriga a incorporar nestes aparellos mecanismos de seguridade para impedir que sexan acesos por nenos.

As irritacións cutáneas é o principal risco que se ten detectado neste laboratorio, xa que o 33% dos productos notificados podían producir este tipo de lesións; seguido do choque eléctrico, co 13,4%; as queimaduras co 10,7%; e o perigo de asfixia, co 8,9%.

Ademais, o titular do departamento de Economía e Industria da Xunta sinalou que o actual proceso de globalización ten contribuído ao desenvolvemento de circuítos comerciais complexos, nos que os produtos frecuentemente fan un percorrido de moitos quilómetros antes de chegar aos puntos de venta, de xeito que os poderes públicos teñen que establecer mecanismos de control eficientes como o descrito con anterioridade.

En definitiva, o traballo realizado polos especialistas do Laboratorio de Consumo de Galicia ten por obxectivo reducir os riscos dos consumidores ao máximo, xa que en ocasións resulta inviable para un potencial comprador diferenciar con exactitude un artigo perigoso do que non o é.

Asemade, o LCG da resposta a consultas nas materias da súa competencia, tanto a outros departamentos do IGC como a particulares, empresas ou outras administracións, e participa tamén nas tarefas de formación e divulgación en materia de consumo promovidas polo IGC.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2009-08-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES