Notas de prensa

Acórdase a constitución dun centro de investigacións xacobeas con sede en Santiago de Compostela

No encontro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago anunciouse a creación dun centro compilatorio do saber sobre o culto e a cultura xacobea. Os fondos depositaranse na Biblioteca da Cidade da Cultura.

A sede da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo acolleu, por primeira vez tras catro anos, a reunión do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago. Este Comité naceu en 1992 da necesidade de asesorar no campo científico e cultural á daquela Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de cara á celebración do Ano Santo Compostelán de 1993. Unha vez finalizado o Ano Xubilar, a Xunta de Galicia considerou oportuno dar continuidade, de xeito permanente e institucional, ao Comité cuxa composición inicial estaba formada polos máis coñecidos investigadores europeos de temática compostelá.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, e o presidente do Comité de Expertos, Paolo Caucci von Saucken, compareceron en rolda de prensa tras o encontro para explicar polo miúdo os acordos acadados para levar adiante proxectos de grande calado de cara ao vindeiro Ano Santo Compostelán así como medidas que teñan continuidade no tempo unha vez transcorrido o Xacobeo 2010.

Deste xeito, a Consellería de Cultura e Turismo, asesorada polo Comité de Expertos, acordou pór en funcionamento un centro de investigacións sobre o culto e a cultura xacobeas que terá a súa sede en Compostela e que aglutinará o saber e a bibliografía existente sobre este eido. Para crear este centro é importante ter en conta a utilización das novas tecnoloxías da información e da comunicación de xeito que os fondos existentes nel poidan ser consultados dende calquera lugar do mundo. Todos estes proxectos, tal e como destacou o conselleiro, nacen con “vocación de perdurabilidade no tempo”, isto é, malia que teñen o Xacobeo 2010 como punto de orixe non son efímeros senón que se constitúen para permanecer en funcionamento.

Sede na Cidade da Cultura

O obxectivo do centro é potenciar a investigación e recompilar nun único punto de referencia todas as publicacións e artigos que teñan vinculación co fenómeno xacobeo e mais co Camiño de Santiago. A intención da consellería é que a Cidade da Cultura acolla o centro na súa biblioteca e que se creen outros proxectos de investigación a partir da súa constitución como pode ser unha base de datos de iconografía xacobea on-line. Así mesmo, o Comité de Expertos encargarase de exercer de Consello de Redacción da revista de investigación de primeiro nivel, Ad Limina, cuxo número cero sairá á luz en 2010. Na reunión que tivo lugar hoxe tamén se abordaron aspectos relativos á programación do vindeiro Ano Santo Compostelán como a organización dun congreso sobre as peregrinacións maiores.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2009-07-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES