
O actor ferrolán Javier Gutiérrez recentemente galardoado co Premio Max das Artes Escénicas ao Mellor Actor protagonista pola peza Argelino, servidor de dos amos, será o encargado de ler o 21 de agosto o pregón co que darán comezo as Festas de Verán da cidade. Así o anunciaron o alcalde, Vicente Irisarri, e a concelleira de Festas, Beatriz Sestayo.
Neste contexto, o rexedor ferrolán situaba a Javier Gutiérrez como un ferrolán de pro, orgulloso da cidade que o vía nacer hai agora 38 anos e á que sempre lembra alá onde este. Un ferrolán, subliñaba o primeiro edil, que mantén unha estreita vinculación con Ferrol, a onde volve sempre que ten oportunidade. Así sucedía hai escasamente un mes, cando Javier Gutiérrez chegaba á urbe naval para participar na Feira do Libro. E así será o vindeiro mes de agosto, cando chegue á praza de Armas para lle dar o pistoletazo de saída ás festas da cidade. Neste senso, Beatriz Sestayo agradecía ao actor ferrolán os esforzos que realizara para poder estar neste acto e as facilidades que deu ao Concello para estar cos ferroláns e ferrolás nesa data, xa que se viu obrigado a modificar a súa apretada axenda profesional.
Vinculado dende moi novo á compañía de teatro Animalario, participou nos últimos anos en grandes éxitos do cine español como El otro lado de la cama, de Emilio Martínez Lázaro; Días de fútbol, de David Serrano ou máis recentemente Gentes de mala calidad, de Juan Cabestany e Al final del camino, de Roberto Santiago. Nesta liña, Sestayo lembraba que á marxe dos seus éxitos cinematográficos, Gutiérrez é un dos actores máis destacados do panorama teatral actual. Á súa estrea enriba dun escenario coa obra Marat Sade de Félix Belencoso, lle seguirían La Tinaja, La Fierecilla domada ou Otelo. Unha extensa traxectoria profesional que se vía recompensada este ano coa concesión do Premio Max das Artes Escénicas. Pero a súa carreira non se limita ao cine e o teatro, xa que destacadas son tamén as súas aparicións en telefilmes, series de televisión e mesmo anuncios de publicidade. Dúas series sobresaen no seu currículum: Los Serrano e, actualmente, Aguila Roja, coa que está a coseitar un gran éxito.
Así as cousas, coas verbas de Javier Gutiérrez arrancará un completo cartel que incluirá os concertos de Vetusta Morla, Revólver, Nena Daconte, Melendi, Fuxan os Ventos, Orquesta Olympus, Som do Galpom, Violadores del Verso, Aló Djangó e mesmo un festival de rondallas. Tamén teatro de títeres a cargo do grupo Cachirulo, espectáculos a pé de rúa, shows circenses ou maxia da man de Pista Catro. Unha oferta que por primeira vez nace da participación cidadá, xa que se elaborou en base ás peticións e suxestións que os cidadáns e cidadás fixeron chegar á institución local a través dun correo electrónico habilitado ao efecto, de xeito presencial e por medio do correo convencional, o que as convirte nunhas festas plurais, para todos os gustos e idades e onde os auténticos protagonistas son os cidadáns e as cidadás.
Así, e dende o 21 ata o 31 de agosto, totalmente de balde agás no caso do concerto de Melendi, que terá un prezo asequible, as prazas de Amboage e Armas acollerán o amplo e variado programa elaborado pola Concellería de Festas. E, ao fío, Beatriz Sestayo lembraba as datas máis sinaladas: o día 21 de agosto, por aclamación popular, chegará Revólver, a banda que lidera Carlos Goñi. Ao día seguinte, o 22, lle tocará o turno a Violadores do Verso, un grupo de hip-hop que conta cun público moi fiel. O día 23 estará reservado para a actuación de grupos locais, aqueles que se presenten ao concurso de maquetas aberto polo Concello baixo a denominación de Sons de Ferrol. O 24 chegará ao Parque Raíña Sofía Melendi. E un día máis tarde, a cidade acollerá o espectáculo de Fuxan os Ventos, incluído á súa vez na programación do Xacobeo. A orquesta Olympus, unha das peticións máis reiteradas entre a cidadanía, ofrecerá o seu mellor repertorio o día 26. A banda de pop Nena Daconte se subirá ao escenario o 27, namentras que o grupo galego Som do Galpom, que se sitou nos primeiros dez postos do ránking cidadán, fará o propio o día 28. O rock indie de Vetusta Morla soará na cidade o día 29, para dar paso a Aló Djangó o 30. Os fogos de artificio e un festival de rondallas, que o Concello recupera tras anos no esquecemento, porán o punto e final ás Festas de Verán.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.