O director xeral da Compañía de Radiotelevisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, comunicou ao Consello de Administración da Compañía os primeiros nomeamentos do seu novo equipo, no que por primeira vez haberá dúas mulleres, Rosa Vilas Núñez e Rosa Martínez Rivada, á fronte dos medios públicos galegos. Tamén designou a Miguel Rodríguez Barrio como director de Planificación e Administración Xeral. Sánchez Izquierdo explicou aos membros do Consello o perfil destes profesionais e subliñou que as designacións fixéronse en función da súas destacadas traxectorias e a súa cualificación en materia de coñecementos, dedicación e competencia.
A directora xerente da Televisión de Galicia será Rosa Vilas Núñez, natural de Cambados e licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Tras uns primeiros pasos na cadea SER entrou en 1989 na redacción da TVG onde editou, dirixiu e presentou informativos, e foi a primeira muller redactora xefe. Posteriormente ocupou a subdirección de Informativos.
A directora xerente da Radio Galega será Rosa Martínez Rivada, natural de Vigo e licenciada en Filosofía e Letras. Traballou en Cadena Radio Noroeste, na Axencia Galega de Noticias e no xornal madrileño ?El Sol?, e entrou na Radio Galega en 1986 como correspondente en Vigo. Na redacción central ocupou entre outras as funcións de redactora xefe, xefa de Informativos e subdirectora.
O director de Planificación e Administración Xeral, Miguel Rodríguez Barrio, ocupa un cargo de nova creación. Nado en Lugo, é licenciado en Empresariais pola Universidade de Santiago e funcionario do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia. Nela ocupou diversas responsabilidades sobre todo na área dos servizos sociais. Desde o ano 2005 é subdirector xeral de Contratación e Xestión Orzamentaria da Secretaría Xeral de Comunicación. Na empresa privada foi xefe do Departamento de Contabilidade de Alcampo, e na actividade docente é profesor na Universidade de Santiago.
O Consello de Administración aceptou estes nomeamentos e mailos ceses de Xesús Iglesias Díaz, na dirección da Televisión de Galicia; Virxilio Costas Pumar, na dirección da Radio Galega; Carlos Monclús Díez de Ulzurrun, na secretaría xeral da CRTVG; José Manuel Lago Peñas, na dirección de Recursos Económicos e Comerciais, e José Ignacio Lema Piñeiro, na subdirección de Organización de Persoal. O director xeral da CRTVG agradeceu as achegas que estes profesionais fixeron durante os seus anos de traballo na Compañía e a colaboración que amosaron no traspaso das competencias relativas ás áreas que estiveron ao seu cargo.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.