A colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Melón para a consolidación do Mosteiro de Santa María quedou ratificada coa sinatura do convenio de cooperación entre as dúas institucións. Con este acordo, rubricado esta mañá no propio Mosteiro de Santa María polo conselleiro Roberto Varela e o alcalde Manuel Alberto Pardellas, a Consellería de Cultura e Turismo comprométese a destinar un total de 693.458 euros en dous anos. O importe total previsto para a actuación no Mosteiro de Melón ascende a 1.693.686 euros xa que o Ministerio de Fomento financiará 946.227 euros, o 57,7 por cento do total.
No acto de sinatura do convenio, Roberto Varela, manifestou a súa grande alegría porque este acordo, aprobado no Consello da Xunta do pasado 7 de maio, supón pasar a formar parte do patrimonio deste Concello. A actuación, sinalou, englóbase dentro da liña prioritaria do departamento autonómico para a protección, conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego.
En virtude do acordo de cooperación, o Concello de Melón comprométese pola súa banda a autorizar a libre dispoñibilidade dos terreos para que a Consellería de Cultura e Turismo acometa a execución das obras. Asemade, exonerará dos custos de licenza preceptiva e asumirá a explotación, mantemento e conservación posterior.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.