Notas de prensa

O reitor reorganiza o goberno da USC, “reforzando o seu compromiso coa Europa do coñecemento”

Senén Barro Ameneiro vén de facer unha reorganización do equipo de goberno centrada na proxección no exterior, as infraestruturas e a posta en valor do patrimonio da institución. Peza de excepcional importancia no novo equipo será a vicerreitoría de Profesorado.

O reitor Senén Barro Ameneiro vén de facer unha reorganización do seu equipo de goberno, “centrada nos grandes retos que está a acometer a USC diante dos espazos europeos de Educación Superior e de Investigación”. Sendo tamén eixes desta reorganización, segundo di, a proxección no exterior, as infraestruturas e a posta en valor do patrimonio da institución.

Unha peza de excepcional importancia no novo equipo, engade o reitor, será a vicerreitoría de Profesorado e Organización Académica, dado que “o Espazo Europeo de Educación Superior non é simplemente un proceso de reestruturación dos actuais títulos en contidos e ciclos”, senón que o principal reto será avanzar nun novo modelo de ensino-aprendizaxe. O proceso segundo puxo de manifesto Barro esixe de importantes cambios no cadro de persoal docente e investigador, na formación do profesorado e na asignación e avaliación das súas responsabilidades docentes, de investigación e de xestión.

Deste xeito, o reitor quere darlle a esta vicerreitoría un enfoque claramente dirixido á Universidade post-2010 e nomea como vicerreitor para a mesma a Juan Manuel Viaño Rey (Boqueixón-A Coruña, 1955), catedrático do departamento de Matemática Aplicada e decano da Facultade de Matemáticas dende o ano 2001.

Outro ámbito de gran actividade nestes anos pasados e nos que están por vir é o das infraestruturas. A ligazón deste eido aos ámbitos da economía e do financiamento, así como a experiencia previa nestas competencias do actual vicerreitor Miguel Vázquez Taín que xa tivera ditas responsabilidades en boa parte da pasada lexislatura, fixo tomar ao reitor a decisión de volver a fusionalas baixo unha vicerreitoría de Economía, Financiamento e Infraestruturas. Serán tamén estas as competencias dunha vicerreitoría adxunta no campus de Lugo, que ocupará Marta Inés Miranda Castañón, profesora da área de Medicina e Cirurxía Animal, adscrita ao departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias.

A vicerreitoría de Relacións Institucionais incidirá na proxección e relacións co exterior, segundo manifesta o reitor, quen pretende que a USC se enmarque nun escenario paneuropeo, tanto no eido docente como investigador, facendo de ponte co espazo iberoamericano. Senén Barro busca “a plena internacionalización da USC, que ademais vai organizar importantes eventos de ámbito internacional, previstos para finais deste ano e principios do próximo”.

Pola súa banda, a vicerreitoría de Cultura reforzará o ámbito cultural entendido no seu sentido máis amplo, así como no da conservación e posta en valor do patrimonio propio. “O patrimonio máis singular da USC, o que quere dicir da universidade galega, precisa –di Senén Barro- que sigamos traballando con toda intensidade para aumentar o seu valor e evitar calquera perigo de degradación”. Neste sentido, afirmou o reitor, “necesitamos captar vontades e recursos para os proxectos de valorización do patrimonio da USC que estamos a deseñar”. Nos vindeiros días, Senén Barro dará a coñecer os nomes das persoas que ocuparán estas dúas vicerreitorías.

Finalmente, en investigación reforzarase o actual organigrama do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT), incidindo na transferencia de coñecemento en xeral, non só da tecnoloxía, á vez que se prestará especial atención ao papel investigador e de transferencia dos ámbitos das Humanidades e das Ciencias Sociais.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2009-03-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES