A concelleira de Muller e Benestar Social, Beatriz Sestayo, deu a coñecer o programa de actos previstos pola Administración local ferrolá para o mes de marzo con motivo da celebración, o vindeiro domingo 8 en todo o mundo, do Día da Muller Traballadora. Unha programación que, tal e como informou a edil, era aprobada esta mañá por unanimidade na comisión de área, e que estará caracterizada pola súa diversidade. Deste xeito, e baixo o lema Son Muller: É grande ser muller... Celebrando a vida en relación neste Ferrol en Feminino, o Concello organizará nas vindeiras datas unha exposición coas creacións levadas a cabo polas asociacións de mulleres da cidade, unha mesa redonda coa presenza de representantes sindicais e unha cena-festa, entre outras propostas. Porén, a principal cita terá lugar o propio día 8, coa celebración no Teatro Jofre dunha gala na que se fará entrega do primeiro galardón Oito de Marzo, co que se quere recoñecer os méritos dunha muller ou entidade en calquera ámbito da sociedade a prol da igualdade.
Xa polo miúdo, a responsable das políticas sociais do Concello avanzou que os actos comezarán o vindeiro sábado 7, coa celebración no Campus Universitario do Congreso Galego de Mulleres Xordas, a través do cal se fará unha análise da realidade sociolaboral do colectivo feminino na Comunidade, centrándose neste caso naquelas persoas que padecen algún tipo de disfunción auditiva.
Con respecto á gala do domingo 8 no Teatro Jofre, Beatriz Sestayo explicou que estará conducida pola poeta Lucía Aldao. Nela, ademais da entrega do galardón Oito de Marzo, para o cal xa se recibiron ata 30 propostas diferentes por parte da cidadanía ferrolá, terá lugar a actuación do grupo musical Faltriqueira. Así mesmo, o público asistente terá a oportunidade de contemplar unha pequena mostra de como as mulleres das distintas asociacións do municipio e da propia Casa da Muller celebran a vida en relación, en palabras da propia Beatriz Sestayo. A edil lembrou tamén que a selección da persoa ou persoas recoñecidas para o galardón Oito de marzo correrá a cargo do Consello Municipal de Muller.
Outro dos puntos principais da programación será sen dúbida a mesa redonda que se celebrará na Casa da Muller o luns 9 ás cinco da tarde. Nesta data participarán representantes dos sindicatos CIG, CC.OO., UGT, USGT e USO, as cales farán un repaso da situación da muller con respecto ao traballo remunerado, así como daquelas propostas de cambio realizadas polas propias mulleres.
Por outro lado, xa na xornada do venres 13, a partir das 22 horas, celebrarase no restaurante da Malata unha cena-festa á que están invitadas todas cidadás de Ferrol. ¿O prezo? 15 euros e ademais, as asistentes poderán deleitarse coa actuación dunha coral.
Mulleres creativas
Así mesmo, a concelleira sinalou que xa dende o día 3 de marzo, e ata o 31, estará aberta ao público na Casa da Muller a exposición Mulleres creativas do movemento asociativo, na que os cidadáns e cidadás poderán contemplar unha selección daquelas creacións máis importantes desenvolvidas polas asociacións de mulleres da cidade, entre as que inclúen actividades como, por exemplo, os menús saudables.
Finalmente, a edil de Muller fixo un chamamento á cidadanía de Ferrol para que se sume ás distintas actividades programadas polo departamento que dirixe e que buscan, de maneira especial, recoñecer o papel do colectivo feminino en todas as esferas da vida, así como atopar entre todos os membros da sociedade propostas coas que a plena igualdade entre homes e mulleres se convirta nunha realidade indiscutible.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.