A concelleira de Muller, Beatriz Sestayo, presentou no consistorio o galardón Oito de Marzo, unha iniciativa coa que a Administración local quere destacar, precisamente na simbólica data en que se conmemora en todo o mundo o Día da Muller Traballadora, o seu importante papel na sociedade. Deste xeito, e enmarcada no programa Son Muller posto en marcha polo Concello de Ferrol, a edil subliñou que con esta proposta se pretende reivindicar a identidade feminina e sensibilizar á cidadanía ferrolá sobre a importancia de loitar no día a día pola consecución da plena igualdade entre homes e mulleres. E ao fío, fixo especial mención a dúas esferas nas que os dereitos do colectivo feminino se ven seriamente menoscabados: un deles, o mundo laboral, onde persisten aínda hoxe as diferenzas; e o outro, máis grave e verdadeira lacra da sociedade actual, a violencia machista de calquera tipo, física ou psicolóxica.
Xa polo miúdo, a responsable das políticas sociais do Concello explicou que o galardón Oito de Marzo recoñecerá os méritos dunha muller ou entidade en calquera ámbito da sociedade a prol da igualdade, sendo a primeira vez que a Administración local instaura unha distinción destas características. Pero non só iso, senón que ademais, e con carácter simbólico, tamén se quere recoñecer a todas aquelas mulleres que ao longo da historia non dubidaron en dedicar as súas vidas a loitar pola igualdade entre homes e mulleres e que, no entanto, nunca recibiron o recoñecemento social que merecen.
Neste contexto, Beatriz Sestayo apuntaba que calquera persoa, ben de xeito individual, ben de xeito colectivo, pode presentar a súa candidata a este galardón, consistente nunha figura deseñada especialmente para a ocasión. Unicamente é necesario cumplimentar un impreso no que conste tanto o nome da persoa ou entidade proposta como unha breve biografía e os méritos que, na súa opinión, a fagan merecedora do mesmo. E, ao fío, a concelleira avanzou que as solicitudes poderán presentarse tanto na asociación de mulleres máis próxima ao seu domicilio como na Casa da Muller en horario de 10 a 15 e de 17 a 20 horas, de luns a venres. As persoas interesadas en obter máis información ao respecto poderán acudir, de igual xeito, ás propias instalacións municipais.
E en relación á muller que reciba este premio, Beatriz Sestayo avanzou que serán as persoas que forman parte do Consello da Muller as encargadas de seleccionala. Asemade, anunciou que a distinción se entregará no transcurso do acto que terá lugar o día 8 de marzo no Teatro Jofre a partir das oito do serán e que leva por título unha mensaxe claramente positiva: As mulleres de Ferrol celebramos a vida.
Por último, Beatriz Sestayo lembraba que Son Muller, o programa municipal no que se enmarca a concesión do primeiro premio Oito de Marzo, inclúe unha completa programación de actividades gratuítas destinadas a consolidar a Casa da Muller como un punto de encontro para as mulleres, no que se invite á convivencia e á reflexión, así como a espertar entre as cidadás de Ferrol aspectos como, por exemplo, a creatividade, aparte das labores de asesoramento social, laboral, xurídico e sanitario propias do centro. Sen esquecer tampouco a importancia da potenciación do tecido asociativo, xa que os colectivos femininos da cidade tamén participan de xeito activo nas distintas iniciativas que, como nesta ocasión, pon en marcha a Concellería de Muller de Ferrol.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.