Notas de prensa

O temporal derruba a árbore en memoria de Otero Pedrayo

Os ventos afuracanados fixeron algúns estragos en Trasalba, na casa grande de Cimadevila, sede da Fundación Otero Pedrayo no concello de Amoeiro (Ourense). O vento tronzou a árbore que lembra a memoria de Otero Pedrayo neno.

Igual que noutros puntos de Galicia, os ventos afuracanados fixeron algúns estragos en Trasalba, na casa grande de Cimadevila, sede da Fundación Otero Pedrayo no concello de Amoeiro (Ourense). Entre outras desfeitas de menor entidade (varias tellas levantadas e algúns desperfectos nas cubertas da casa), o vento tronzou a árbore que lembra a memoria de Otero Pedrayo neno.

Cando naceu don Ramón, en marzo de 1888, o seu pai prantou unha árbore no xardín da casa. Sempre se dixo que era unha araucaria. En realidade era un pinsapo, que medrou corpudo e fermoso a carón do fogar, acompañando a vida do neno durante anos. “O meu irmanciño”, gustaba de dicir Otero referíndose a el.

En 1972, unha forte tormenta derrubou a árbore. Otero Pedrayo considerou o feito coma un anuncio do final. “Levábamos toda a vida xuntos”. Ao pouco tempo, en 1976, finaba o señor de Trasalba. Os responsables da Fundación volveron prantar daquela outro pinsapo, practicamente no mesmo lugar onde estivera o anterior. Medrara grande, coma o seu predecesor, á beira da solaina. O vento volveu abatelo estes días, estragando tamén unha parte do emparrado.

“Volveremos poñer outro”, anuncia a directiva da Fundación Otero. Igual de preocupantes son os estragos no tellado, polas consecuencias que poida trer para o mantemento da obra civil. Na casa de Cimadevila consérvanse a meirande parte dos obxectos persoais de Otero, así como a súa biblioteca persoal, que está a ser catalogada. Contra finais de xuño, celébrase alí todos os anos o Premio Trasalba (no derradeiro domingo do mes de San Xoán), homenaxe a unha figura que se teña significado a prol da cultura galega, seguindo o espírito dos homes da xeración Nós.

Paula García Márquez (Comunicación Editorial Galaxia), 2009-01-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES