Notas de prensa

Convocados os II Premios de Artesanía de Galicia

Os artesáns e obradoiros artesáns interesados en participar deberán presentar as súas candidaturas entre o 1 e o 18 de abril de 2009 na Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

A Consellaría de Innovación e Industria – a través da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño – convoca a segunda edición dos Premios Artesanía de Galicia, cuxas bases se poden consultar xa na páxina web www.artesaniadegalicia.org. Os artesáns e os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que estean interesados en participar na convocatoria deste ano deberán presentar as súas solicitudes entre o 1 e o 18 de abril de 2009, na sede da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

Os galardóns foron creados o ano pasado pola Consellaría co obxectivo de estimular o labor de creación dos artesáns galegos, así como para contribuír á divulgación da artesanía entre a sociedade galega a través do recoñecemento do valor artesanal, artístico, creativo e innovador das pezas que sexan seleccionadas polo xurado.

Innovación e Industria distribuirá 20.000 euros entre as tres categorías establecidas para esta segunda edición dos premios. O Premio Innovación está dirixido a produtos ou a accións de innovación e de modernización do sector artesanal galego que poden ser novas interpretacións de deseños tradicionais, novos usos do produto, novos materiais ou novos métodos de traballo e está dotado con 6.000 euros.

O Premio Artesanía de Galicia supón o recoñecemento ao conxunto dunha obra que reúna calidade, deseño e mais a fusión do tradicional coas tendencias actuais. A obra gañadora, que obterá un premio de 10.000 euros, deberá transmitir tamén os valores característicos de Galiza, así coma o grande potencial artístico e comercial do noso sector artesán. Os requisitos para a categoría de Novos Creadores son os mesmos ca os do Premio Artesanía de Galicia pero coa peculiaridade de que os artesáns ou os titulares dos obradoiros artesáns que se presenten non poden ter máis de 35 anos. Deste xeito, a Consellaría de Innovación e Industria recoñece os novos valores do sector artesán en Galiza, así como impulsar o desenvolvemento desta actividade entre a xente nova. A dotación económica para esta modalidade será de 4.000 euros.

Entre as novidades que se presentan na edición deste ano destaca o feito de que será o propio xurado o que decida en cal das tres categorías se encadra mellor cada unha das candidaturas. O xurado será tamén quen determine o gañador único de cada modalidade, así coma un máximo de cinco finalistas, ou o que tome a decisión de que fiquen desertos os premios, de ser o caso.

Os interesados en participar nesta segunda convocatoria dos premios deberán incluír xunto coa solicitude a peza que se propón, unha ficha técnica do proxecto, un mínimo de cinco imaxes da obra presentada e mais unha memoria descritiva do proceso produtivo e a memoria conceptual na que se indique a intencionalidade da peza e as súas fontes de inspiración. No tocante á documentación sobre o artesán ou sobre o obradoiro artesán, é preciso incluír unha declaración de que o proxecto presentado non foi presentado a outros concursos.

A través deste tipo de iniciativas, a Consellaría de Innovación e Industria demostra a súa aposta pola innovación e pola capacidade de adaptación da artesanía galega ás novas tendencias do mercado e do deseño, ao tempo que fomenta a preservación na calidade dos materiais e no carácter artesanal do proceso de elaboración.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2009-01-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (fiv-vilalba-2026.jpg) O FIV de Vilalba volverá reunir na localidade lucense unha programación destacada da escena independente e alternativa estatal, cun cartel no que figuran nomes como Carlos Ares, Alcalá Norte, La M.O.D.A. e Ãngel Stanich, xunto a outras propostas moi presentes no panorama actual como Repion, Puño Dragón, Celia Becks, Futuro Alcalde, Grande Osso e Rapariga DJ. A boa resposta do público nas últimas semanas confirma, ademais, a gran acollida desta edición, coa previsión de que Vilalba volva encherse de ambiente festivalero a próxima fin de semana. A programación do FIV de Vilalba desenvolverase entre o Escenario Vibra Mahou, o Escenario #Fiver by Lactalis e a Zona DJ, consolidando un formato que combina os grandes concertos nocturnos coa actividade diúrna do sábado.
Foto de la tercera plana (saude-medico.jpg) Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025. Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.

Notas

A Primavera Cultural da USC continúa agromando con múltiples propostas. Así, no Campus de Lugo, a danza, o teatro e a creación audiovisual protagonizan as citas máis inmediatas. Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame.
A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES