As historias procedentes de diferentes pobos e culturas coas que os camiñantes que percorrían o Camiño de Santiago animaban a súa andaina acaban de converterse nunha serie de animación audiovisual, Os Contos do Camiño, realizada en Galiza e en galego, da man da S.A. de Xestión do Plan do Xacobeo, dependente da Consellería de Innovación e Industria, en colaboración con OQO Editora. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, foi o encargado de presentar en Lugo a serie de animación nun acto no que estivo acompañado do director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar, e representantes de OQO Editora.
A serie está dirixida ao público familiar e busca popularizar entre os máis cativos as diferentes rutas xacobeas como camiños de interculturalidade, xa que cómpre salientar que nestas vías converxeron contos de todo o mundo traídos polos viaxeiros e viaxeiras, que portaban co seu camiñar lingua, palabras e a cultura dos seus respectivos lugares de orixe. Isto serviu non só para enriquecer o patrimonio oral galego, senón tamén para espallalo, coas historias que se levaron con eles. A serie, que xa conta con 4 capítulos rematados, chegará ás 26 gravacións e pretende que os máis cativos coñezan os camiños de Santiago, pero non dun xeito documental, senón espertando a súa curiosidade a partir de historias vividas e contadas.
A serie encádrase no proxecto Contos do Camiño, que inclúe sesións de contacontos, plástica e audiovisual para nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria en centros educativos das localidades polas que pasan as distintas rutas xacobeas e busca implicar no coñecemento do Camiño a toda a comunidade escolar, dende os nenos ao profesorado pasando por nais e pais; por iso o material literario, plástico e audiovisual pode incorporarse aos curriculos das escolas. Segundo explicou o conselleiro nacionalista, as actividades realizadas neste programa chegaron xa a 10.000 nenas e nenos de toda Galiza, estando previsto que nos vindeiros dous cursos poidan participar outros 10.000. Concretamente para 2009 estableceuse a presenza en cando menos 75 colexios do país e preténdese que a medio prazo se estenda a todos os concellos galegos.
Fernando Blanco indicou que esta actividade promocional tamén se está a levar fóra do país, tal e como xa aconteceu na Expo de Zaragoza celebrada este verán. De igual xeito, os Contos do Camiño levaranse en 2009 e 2010 a Óbidos, Lisboa e Évora, en Portugal; e a Bordeaux e Aquitania, en Francia. Así mesmo, a serie de animación terá presenza no Instituto Cervantes de Madrid o primeiro trimestre do vindeiro ano e no mes de abril protagonizará as actividades de animación do departamento de pedagoxía do Museo Thyssen Bornemisza, tamén en Madrid. O investimento que se está a realizar por parte do departamento autonómico ascende a 600.000 euros.
O titular de Innovación e Industria encadrou este programa no marco de actuacións desenvolvido pola consellaría cara ao ano xubilar de 2010, para o que se vai mobilizar un investimento superior aos 141 millóns de euros. Segundo dixo o conselleiro, a celebración do Xacobeo 2010 como fenómeno cultural, espiritual e turístico vai permitir dinamizar a economía galega ao tempo que contribuirá notablemente a promocionar os valores do país.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.