O director xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria, Salustiano Mato de la Iglesia, presidiu a entrega na Coruña dos galardóns do VI Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación. A xornalista coruñesa Pilar Mera, redactora do diario La Opinión de A Coruña, foi galardoada co primeiro premio da sexta edición deste certame, organizado anualmente pola Consellaría de Innovación e Industria para distinguir os traballos de xornalismo científico publicados ou emitidos nos medios de comunicación galegos. Pilar Mera conseguiu o galardón pola súa reportaxe As bacterias non puideron co Prestige na que aborda o emprego de métodos de biorremediación na limpeza das costas trala catástrofe do Prestige.
Pola súa banda, o equipo do programa de divulgación científica da Radio Galega Efervesciencia, composto polos científicos e divulgadores Manuel Vicente e Marta Vila e o actor César Goldi, gañaron o segundo premio pola entrevista realizada ao investigador da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Correa, sobre o seu ámbito de investigación: os nanotubos de carbono.
No primeiro caso, o xurado destacou a calidade xornalística, o rigor científico e a repercusión social do tema obxecto do traballo. No segundo caso, os membros do xurado apuntaron o importante labor de divulgación da ciencia que desempeña o programa Efervesciencia e, no caso concreto da entrevista sobre nanotubos, o achegamento dunha materia complexa como a nanotecnoloxía, así como as enormes posibilidades desta ciencia, ao público xeral a través dunha linguaxe sinxela e comprensible .
Por último, o xurado fixo unha mención especial aos traballos presentados polo xornalista Manuel Vilas López: Nace a primeira falante artificial de galego, publicado en A Nosa Terra e O futuro da televisión dende Conxo, publicado en Tempos Novos, pola súa calidade xornalística e pola súa contribución á divulgación das Novas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
O Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación é un certame organizado pola Consellaría de Innovación e Industria co obxectivo de estimular a produción de textos xornalísticos especializados en materia científica e na Investigación e no Desenvolvemento. O certame está dotado con 7.300 euros que se reparten do seguinte xeito: 5.000 euros para o primeiro premio e 2.300 euros a repartir entre o equipo galardoado co segundo premio.
Xornalismo e café científico
Tralo acto de entrega celebrouse o café científico "A vida na Terra. Unha historia de evolución, bacterias e sexo", a cargo dos doutores Luis Sampedro, do Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán (Pontevedra), e Alberto Velando, da Universidade de Vigo, e do actor Vicente de Souza. Nel abordáronse diversos conceptos da evolución e fitos importantes da historia da vida na Terra e a interrelación entre todos os organismos e o medio no que vivimos. A temática foi seleccionada tendo en conta a conmemoración do Ano Internacional do Planeta Terra en 2008.
O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca na serie de Cafés-teatro-científicos que organiza o Grupo Neurocom da Universidade da Coruña, é a divulgación baixo a luz do coñecemento científico rigoroso e da indispensable apertura de mente que proporcionan o teatro, o bo humor, e o ambiente distendido dunha cafetería.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.