Notas de prensa

A USC homenaxea ao último mestre da República: G. Anaya

Impúxolle a título póstumo a Insignia de Ouro da institución e presentou unha obra sobre o que foi catedrático de Filosofía da Escola de Maxisterio da USC entre 1953 e 1973.

“O que hai que facer é axudar a crecer en liberdade, axudar aos ‘pequerrechos’ a ser o que queiran ser e, sobre todo, amalos e ser feliz facéndoo” afirmaba Gonzalo Anaya Santos, o ‘último mestre da República’ e catedrático de Filosofía da Escola de Maxisterio da Universidade de Santiago entre 1953 e 1973. Anaya Santos
recibiu este martes unha homenaxe a título póstumo, na que se lle
impuxo a Insignia de Ouro da USC e se presentou a obra conmemorativo
La esencia del cine. Teoría de las estructuras.

A imposición celebrouse no Paraninfo da Universidade na Facultade de
Xeografía e Historia presidida polo reitor da USC, Senén Barro, que
estivo acompañado polo seu homólogo da Universidade de Valencia,
Francisco Tomás Vert, e polo vicerreitor de Cultura, Elías Torres. Ao
acto asistiron ademais a conselleira de Educación da Xunta de Galicia,
Laura Sánchez Piñón, e o seu homólogo asturiano, José L. Iglesias; os
seus fillos; os profesores da institución universitaria valenciana,
Jaume Martínez Bonafé e Josep Martínez Bisbal; e os profesores Jesús
Alonso Montero, Antón Costa, Blanca Caamaño, Aurora Marco e Ezequiel
Méndez, que trazaron unha semblanza do homenaxeado.

Gonzalo Anaya exerceu a docencia ata o seu falecemento en xuño deste
mesmo ano, polo que está considerado o último mestre da República, que é precisamente como lle gustaba autodefinirse. O seu discurso
educativo reivindicaba unha “ensinanza educativa”, coherente co
precepto constitucional e fundamentada na proclamación dos Dereitos
Humanos.

O recoñecemento da USC sumarase a outras distincións das que Gonzalo Anaya era merecedor como a Medalla de Prata ao Mérito no Traballo ou a Medalla da Universidade de Valencia.

A obra

A obra homenaxe editada pola USC para esta ocasión toma o seu nome do título da tese de doutoramento defendida por Anaya no ano 1967, La
esencia del cine. Teoría de las estructuras. O volume, segundo o
prologuista Ezequiel Méndez, é un intento por afondar “nunha das
buscas teóricas máis frecuentes na historiografía cinematográfica, o
específico fílmico”.

O traballo de doutoramento de Anaya profundaba, logo dunha parte
introdutoria, nas denominadas cinco estruturas do cinema, a
comunicativa, a espectacular, a dramática, a representativa e a
especificamente cinematográfica. A edición presentada é un percorrido
por catro delas, excluíndo a dramática, “por estar recollida, se ben
menos elaborada, en diferentes traballos do homenaxeado”, aclara Méndez.

Á vista deste tramado de estruturas, Ezequiel Méndez, tomando como
referencia a reflexión de Gonzalo Anaya, entende que “o cinema é un
espectáculo dramático representativo que mostra, mediante a
perspectiva móbil, as presenzas sen suxeito en movemento”.

Gonzalo Anaya

Gonzalo Anaya Santos (1914-2008) licénciase en Filosofía en 1942 para posteriormente, entre 1948 e 1950 exercer de profesor en Valencia impartindo clases de grego nun centro de ensino secundario. Con anterioridade foi mestre rural durante a segunda República vinculado ao sindicato UGT ata o fin da guerra civil. A súa vinculación sindical valeulle unha sanción da Comisión Depuradora franquista que o
“destina” a Cañizar de Amaya (Burgos), onde residirá ata 1942.

En 1953 gaña a Cátedra de Filosofía da Escola de Maxisterio da USC,
sendo nomeado un ano despois catedrático de Filosofía do Instituto
Rosalía de Castro de Santiago. En 1961 diplómase en Psicoloxía e
Psicotécnica pola Complutense de Madrid para seis anos despois
doutorarse en Filosofía coa tese La esencia del cine. Teoría de las
estructuras.

Logo de dúas décadas na institución académica compostelá obtén a
cátedra de Filosofía da Escola de Maxisterio da Universidade de
Valencia. En 1985 é nomeado emérito, condición que manterá ata o ano
2002. Despois desta data impartirá regularmente docencia a alumnos de
doutoramento no curso ‘Educación e democracia’ que el mesmo promoveu.

Considerado un dos principais impulsores da renovación pedagóxica en
España, compaxinou o maxisterio e a docencia universitaria coa
publicación de libros e artigos, ademais de representar ao Ministerio
de Educación en reunións internacionais da OCDE-CERI e de colaborar
nas investigacións do INCIE.

A preocupación polo feito cinemátográfico, en paralelo coa súa
vocación educativa xa se remonta ao ano 1943 e manifestáronse ao redor de múltiples colaboracións en publicacións periódicas da época, o que lle permitiu poñer en sintonía a súa condición de docente, pedagogo e cinéfilo.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2008-11-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES