Notas de prensa

O reitor reclama un plan de financiamento no acto de apertura do curso na USC

A USC corre “un moi serio risco de entrar nun período de estanflación de graves consecuencias para o noso país”, comezou advertindo o reitor Senén Barro no seu discurso de apertura do curso académico 2008-09 na USC, e advirte que “non podemos seguir así”.

A USC corre “un moi serio risco de entrar nun período de estanflación de graves consecuencias para o noso país”, comezou advertindo o reitor Senén Barro no seu discurso de apertura do curso académico 2008-09 na USC pronunciado no Paraninfo da Universidade. Mentres hai quen fala dunha nova etapa económica de estanflación, argumentou, a inflación académica é “notoria” tanto na actividade docente como investigadora. Mais ter que desempeñalas “con crecementos económicos mínimos, cando non nulos, ou incluso negativos”, supón pór “en solfa” o crecemento e a competencia das universidades.

Barro lembrou que o Sistema Universitario Galego, e singularmente a USC, perdeu na última década máis de vinte puntos porcentuais en relación co peso relativo ao financiamento medio do Sistema Universitario Español. Neste contexto, e subliñando que a USC se sitúa como a sétima Universidade de todo o Estado no que se refire a produtividade en investigación, “na medida en que se nos esixe maior calidade, a nosa capacidade global diminuirá se os recursos económicos non aumentan de modo importante, xa que o resto das principais variables que interveñen no proceso dificilmente poden aumentar”, indicou.

Todo isto, e diante do recente anuncio do presidente da Xunta de Galicia de que non haberá un novo plan de financiamento das Universidades para 2009, situou a Senén Barro “na obriga” de advertirlle “ao noso goberno e ao conxunto da sociedade que non podemos seguir así”. “Estamos estragando o mellor que temos”, engadiu. “A autonomía universitaria está sometida a condicionantes de importancia, e o do financiamento é, de lonxe, o máis relevante”.

Rematou o reitor cualificando de “moi grave” a situación. A USC leva anos “de recortes, de penuria, que pasan e pasarán factura á nosa capacidade de servir á sociedade galega e de proxectala no mundo”. Este é, rematou dicindo, “realmente o problema e o noso desacougo, e debería selo para toda a sociedade galega, que pode chegar a ver como se apaga o principal motor de impulso desa sociedade do coñecemento”.

Memoria do curso 07-08

A secretaria xeral Isabel García-Rodeja interveu neste acto inaugural presentando a memoria do acontecido na USC durante o pasado curso académico. Entre os datos subliñados, García-Rodeja destacou que a USC está a consolidarse como a universidade galega máis demandada, xa que 31.780 estudantes pasaron polas aulas da institución académica compostelá.

A presentación incluíu datos relativos á comunidade universitaria; ás honras e distincións; á actividade dos órganos de goberno; á oferta, xestión e mellora da calidade académica; á proxección da USC; actividades nos centros; servizos, axuda social e actividade cultural; e á economía e financiamento.

Lección maxistral

A olfacción secundaria nos mamíferos foi o tema elixido polo catedrático de Anatomía e Produción Animal, Ignacio Salazar Beloqui, para impartir a lección maxistral deste curso. Nela destacou a importancia dos sentidos, entre os que incluíu o olfato, por ser sistemas especializados que se encargan de manter en permanente contacto aos seres vivos co exterior ao tempo que informan igualmente do que ocorre no propio medio interno.

Neste contexto, o profesor Salazar explicou que, fronte ao resto dos sentidos, o olfato está dotado de receptores de distinta natureza localizados en diferentes lugares, o que explica que na maioría dos mamíferos existan dous sistemas olfativos, o principal e o secundario, centrando a súa intervencións en analizar polo miúdo este último.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2008-09-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES