
O máximo mandatario galego, Emilio Pérez Touriño, salientou que un total de 2.800 alumnos participan este curso en programas de inserción lingüística cos que a Xunta pretende superar esa materia histórica de Galicia, a aprendizaxe de idiomas. Así o subliñou durante a visita que realizou, xunto coa conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, ao campamento bilingüe das Fragas do Eume, onde un grupo de 50 alumnos están a participar nun curso de lingua inglesa.
Segundo explicou, un total de 300 alumnos galegos poderán participar este ano nos campamentos bilingües de inserción lingüística, unha iniciativa pioneira e innovadora do Goberno que preside. Concretamente, segundo indicou, nos campamentos de Pontedeume participarán en total 100 alumnos de 6º de primaria, en dous cursos diferentes, con 50 alumnos cada un e quince días de duración, o primeiro deles, que se desenvolve do 22 de xuño ata o 5 de xullo, e o segundo, do 6 ao 19 de xullo.
Ademais desta iniciativa, Emilio Pérez Touriño explicou que outros 200 alumnos de 1º da ESO participarán en campamentos bilingües que se desenvolverán fóra da comunidade, concretamente, en Carrión de los Condes (Palencia), tamén con cursos de quince días de duración e durante o mes de agosto.
O máximo mandatario autonómico lembrou que esta é unha iniciativa innovadora da Xunta que marca a senda na que queremos traballar, que é a de fomentar e conseguir que Galicia e os nosos estudantes poidan superar esa materia histórica, que é a aprendizaxe de linguas estranxeiras.
Incremento de prazas para estadías no estranxeiro
Na mesma liña, Emilio Pérez Touriño subliñou que, ademais destes campamentos de inmersión lingüística, a Xunta está a fomentar estadías no estranxeiro, iniciativas todas elas, indicou, con financiamento cen por cen público, co fin de facer realidade que os nosos rapaces e rapazas dominen e estean ben establecidos no proceso de aprendizaxe dun idioma estranxeiro , ademais do castelán e galego.
O presidente autonómico destacou que este verán se teñen convocado 1.000 prazas máis que o exercicio anterior para estadías no estranxeiro de tal xeito que nestes momentos 2.500 alumnos de secundaria obrigatoria e bacharelato estudan un idioma estranxeiro en Francia (300 alumnos), Irlanda (300 alumnos), Reino Unido (1.400 rapaces) e Canadá (500 alumnos), sendo este último destino unha novidade deste verán. Na mesma liña, remarcou que, desde a súa chegada á Xunta, desde o ano 2005, 4.300 alumnos galegos participaron nesta iniciativa.
Ensino de idioma estranxeiro desde os tres anos
Estamos potenciando un ensino multilingüe, onde a competencia lingüística en castelán e galego e nunha lingua estranxeira debe potenciarse e ser superada plenamente, aseverou Touriño lembrando que a Xunta está a desenvolver un programa moi potente nesta dirección, con iniciativas como o fomento en máis de 800 centros educativos de toda Galicia da aprendizaxe nun idioma estranxeiro desde os tres anos.
Galicia empezou, no curso 2005-2006 con 50 seccións bilingües materias non lingüísticas ensinadas en linguas estranxeiras-, e agora hai máis de 300 seccións, en 114 centros, engadiu o presidente galego ao respecto.
Xunto con isto lembrou que nestes momentos un total de 450 docentes están a realizar cursos específicos de lingua estranxeira no estranxeiro, en estadías que van desde os 2 meses ata o ano, co fin de ter profesores activos, ben formados e cualificados no ensino de idiomas, aseverou.
Por último, Emilio Pérez Touriño reiterou o compromiso do Goberno que preside por unha ensinanza pública de calidade, con competencias lingüísticas no noso idioma e nunha lingua estranxeira, e co respecto aos mellores valores de protección e coidado medioambiental, concluíu.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.