Notas de prensa

O Campus de Verán de Sarria acolle tres cursos sobre desenvolvemento rural, educación emocional e o Camiño de Santiago

A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de 30 ou máis horas e de 70 para os demais. Existe ademais un prezo reducido para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC de 70 euros no primeiro caso e de 40 para os cursos de menos de trinta horas.

O desenvolvemento económico da zona centro-sur da provincia de Lugo, a educación emocional e o Camiño de Santiago son as temáticas dos tres cursos da USC que se desenvolverán este verán no Concello de Sarria, tal e como foron presentados por parte do vicerreitor de Cultura, Elias Torres, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido.

Á presentación tamén asistiron os seus directores, así como os concelleiros de Cultura e de Educación, Xermán Arias e María del Carmen García. O prazo de inscrición está xa aberto vía Internet e os que desexen matricularse de forma presencial poderán facelo dende o día 11. O prazo pechará dez días antes do comezo do curso.

A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de 30 ou máis horas e de 70 para os demais. Existe ademais un prezo reducido para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC de 70 euros no primeiro caso e de 40 para os cursos de menos de trinta horas. Por outra banda, para facilitar a súa realización a todo o que o desexe ofertáronse 230 bolsas de matrícula gratuíta.

Desenvolvemento económico

O primeiro curso que se celebrará en Sarria leva por título ‘O desenvolvemento económico da zona centro-sur da provincia de Lugo: sectores forestal, agropecuario e servizos’ e está dirixido por José Federico García Fernández e Manuel Gómez Díaz. As clases, que representan un total de 30 horas, desenvolveranse do 9 ao 12 de xullo.

A programación dará comezo cunha análise dos recursos reais e potenciais cos que conta a comarca, entre os que figuran os forestais, agropecuarios, turísticos e de servizo, para enfatizar na necesidade da creatividade para o deseño de estratexias, desenvolvendo para elo distintas metodoloxías baseadas en experiencias propias e externas. Outros dos obxectivos do mesmo é a procura do equilibro entre desenvolvemento e respecto ao medio ambiente e facilitar a interacción entre a Universidade e o mundo empresarial.

Educación emocional

Trinta horas de duración terá tamén o segundo curso que se impartirá en Sarria, entre o 16 e o 18 de xullo co título ‘Educación emocional: a aventura de converterse en persoa. Como educar as emocións dende a familia, a escola e a sociedade’, que está dirixido por Lina Iglesias Forneiro e Mario Salvador Fernández.

O obxectivo principal desta actividade é ofrecer coñecementos e habilidades en relación coas emocións para capacitar aos individuos a enfrontar con éxito os retos da vida, para a resolución de confitos e para a convivencia en centros escolares. Así mesmo, tratará sobre os primeiros vínculos coa educación emocional a través da familia e a distinción de sensacións, estados de ánimo, sentimentos e emocións.

Camiño de Santiago

O último dos cursos que se celebrarán en Sarria, concretamente entre o 28 de xullo e o 1 de agosto, leva por título ‘Camiño de Santiago: comunicación e cultura’ e está dirixido por Luis Celeiro Álvarez.

Con esta acción formativa preténdese dar a coñecer a rota xacobea en Galicia como un espazo de comunicación e cultura; descubrir o patrimonio arquitectónico, artístico e paisaxístico do Camiño de Santiago; fortalecer o desenvolvemento dos valores de solidariedade e de amizade; coñecer e fomentar a riqueza lingüística e cultural do Camiño e contribuír ao respecto e á divulgación das características da rota xacobea como patrimonio da humanidade.

Gabinete de Comunicación da USC, 2008-06-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES