Notas de prensa

Convocadas máis de 10.000 prazas na campaña de Acción de Verán 2008

Inclúe un programa de actividades que se realizarán en Galiza, programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas, e campos de traballo en Galiza, noutras comunidades e no estranxeiro. O prazo de solicitude está aberto ata o 11 de abril.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, presentaron o programa Acción de Verán 2008. A campaña engloba este ano un extenso abano de actividades culturais, ambientais, recreativas e deportivas que se desenvolverán entre o 15 de xuño e o 30 de setembro e nas que poderán participar máis de 10.000 rapaces e rapazas e mozos e mozas de entre 9 e 35 anos.

Quintana destacou este programa como un dos máis importantes que leva a cabo a Dirección Xeral de Xuventude, na que se invisten este ano máis de 4,2 millóns de euros, un 32% máis do que se destinaba no 2005. Acción de Verán 2008 inclúe un amplo abano de actividades, campamentos e campos de traballo que se realizarán en Galiza, programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas, e campos de traballo noutras comunidades e no estranxeiro. Trátase dunha oferta variada que quere axustarse ás distintas necesidades e preferencias das mozas e mozos aos que vai dirixida. A iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia aposta por que a mocidade dispoña de recursos axeitados para gozar do seu tempo de ocio e lecer, o que, en palabras de Quintana, “é unha aposta de presente e de futuro”.

O vicepresidente destacou os obxectivos que o departamento autonómico se marca para este 2008: o mantemento dos recursos e a consolidación das prazas ofertadas, cunha das ratios máis altas de todas as comunidades do Estado; a mellora continua das instalacións xuvenís que acollen estas actividades, na que se ten investido no que vai de lexislatura 2,4 millóns de euros en 22 intervencións que permitiron mellorar 13 residencias e albergues xuvenís, tanto no eido da seguridade e da eliminación de barreiras como en obras de reformas estruturais e funcionais; o avance na calidade formativa e educativa máis alá do seu papel de programa de lecer, e o aproveitamento desta campaña de verán para achegar aos participantes ao coñecemento do país e do noso patrimonio cultural, lingüístico e natural.

Entreter e educar

A programación deseñada cumpre co dobre obxectivo de entreter e divertir, por un lado, e de transmitir coñecementos, aptitudes e valores, polo outro. As actividades que se desenvolven nesta campaña estimulan a xeración na mocidade dun espírito responsable, tolerante, participativo, cooperativo e solidario; axudan a reforzar os valores de respecto á natureza, igualdade e autonomía; fortalecen vínculos co entorno, e contribúen a que os rapaces aprendan a convivir con outras persoas. Son, así mesmo, unha ferramenta útil para adquirir novas habilidades e descubrir e reforzar as súas capacidades.

Nesta tarefa, Quintana destacou o importante papel que xogan os máis de 1.000 profesionais de tempo libre que se mobilizan coa Acción de Verán. Ao respecto, lembrou que para estes monitores e directores xa se ten feito un importante esforzo ao longo do ano para desenvolver un completo programa de formación continua asentado sobre catro alicerces pedagóxicos: enmarcar as actividades na nosa lingua, ter unha formación que implique hábitos de vida saudables, a formación para a igualdade, e a educación en valores.

Dentro deste obxectivo de mellora da calidade, o vicepresidente adiantou que este mesmo ano se vai poñer en marcha a Escola Pública de Xuventude e Voluntariado, que vai contar cun programa que intenta centrar a oferta formativa neste eido e pular pola renovación pedagóxica, consolidando a idea dos campamentos como unha alternativa que vai máis alá do lecer.

Oferta de campamentos

Os participantes na campaña de Acción de Verán 2008 disfrutarán dun completo programa de actividades de carácter sociocultural, formativo e convivencial nun aloxamento en pensión completa no albergue, residencia ou campamento xuvenil correspondente.

Nesta edición están programados 39 campamentos de verán e actividades que se desenvolverán en 19 instalacións xuvenís de toda Galiza. Entre a variedade de accións ofertadas cómpre salientar os obradoiros de actividades no mar, de bicicleta, de deportes náuticos, os campamentos de teatro, de contos e lendas, aventuras na natureza, baile, actividades de fútbol e natureza mariña, entre outros. Inclúense tamén na oferta 11 campos de traballo de temática arqueolóxica, medioambiental e cultural-etnográfica, con 420 prazas.

Asemade, este ano ofértanse fóra de Galiza 17 campamentos relacionados coa multiaventura, a náutica, actividades de montaña, de natureza e de mar que se desenvolverán en instalacións xuvenís de Álava, Aragón, Cantabria, Castela A Mancha, Castela e León, Murcia e Navarra. Haberá, así mesmo, arredor de 200 prazas en campos de traballo doutras comunidades do Estado e 54 no estranxeiro.

Integración

O programa préstalle especial atención ás políticas de integración dos mozos e mozas con discapacidades e a aqueles con dificultades de inserción social, mantendo por segundo ano consecutivo o incremento do número de prazas destinadas a estes colectivos, cun total de 518 das 10.000 ofertadas. Nesta cifra inclúense 368 prazas destinadas para persoas con discapacidade, 50 prazas para rapaces e rapazas en situación de desvantaxe social e outras 100 para mozos e mozas con dificultades de inclusión.

Inscrición

As persoas interesadas en participar nas actividades da Acción de Verán 2008 poden presentar a súa solicitude dende hoxe ata o vindeiro 11 de abril por vía escrita ou por vía telemática. Unha das facilidades que ofrece o sistema de inscrición é a posibilidade realizar unha solicitude individual ou múltiple, para o suposto de dous, tres e ata catro irmáns.

A adxudicación das prazas realizarase de xeito directo no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles e por sorteo, por medios informáticos, no suposto de que o número de solicitudes supere as prazas dispoñibles. Neste caso, o sorteo ante notario terá lugar o día 5 de maio ás 12,00 horas en San Caetano.

Para ampliar información sobre o proceso de inscrición e a oferta da campaña pódese consultar a páxina web www.xuventude.net. Neste enderezo web tamén se poderán consultar en todo momento o estado da solicitude para os campamentos e campos de traballo.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, 2008-03-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES