
A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, e a directora xeral de Comercio, Ana Rúa, presentaron en Compostela a campaña Hai moito en xogo. Xogando construímos a igualdade, coa que a Vicepresidencia pretende concienciar sobre o uso e consumo dos xoguetes de forma racional e sobre a importancia dos mesmos na promoción de valores. Os materiais desta campaña distribuiranse durante o Nadal en comercios e centros de atención á primeira infancia.
Na súa intervención, Adán lembrou que o xogo é unha actividade que vai conformando a personalidade de nenos e nenas. Xogando desenvolven as súas capacidades psicomotoras, cognitivas, afectivas e sociais, e adquírense esquemas de conduta práctica que desenvolven actitudes e permiten aprender a vivir imitando modelos e pautas de comportamento. Por iso, segundo a secretaria xeral, o xoguete ten un papel fundamental como instrumento educativo neste desenvolvemento e nesta etapa de socialización é fundamental que non se utilicen para reproducir roles e estereotipos sexistas, axudando no camiño da construción dunha sociedade máis igualitaria.
A responsable da Igualdade da Vicepresidencia reparou neste papel que teñen os enredos como modelo e medio de aprendizaxe e, neste senso, asegurou que é preciso ofrecer modelos para unha educación na Igualdade, ao tempo que se debe fomentar o xuízo crítico fronte á utilización sexista dos xogos. Adán engadiu que con esta iniciativa tamén se quere contrarrestar a presión que exercen sobre os nenos e nenas e os seus pais e nais as campañas publicitarias en todos os medios de comunicación, especialmente cando se achegan as festas do Nadal.
Materiais
No marco desta campaña, que por segundo ano pon en marcha a Vicepresidencia, vanse distribuír 50.000 carteis (10.000 para colocar en escaparates e 40.000 despregables para dar ás familias nos propios comercios), 18.000 calendarios de peto, 18.000 coches-xoguete de construción para repartir nas escolas infantís e 1.500 unidades didácticas dirixidas ás escolas infantís e ao persoal de atención á infancia. Todos estes materiais son moi gráficos e atractivos para os cativos e acompáñanse con mensaxes respecto do uso dos xoguetes, dirixidas fundamentalmente ás persoas adultas.
Na loxística da campaña colabora a Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Innovación e Industria, que tomará parte na distribución dos elementos da campaña aos establecementos, con especial atención aos especializados en xoguetes. A campaña tamén quere dar así un estímulo máis a fomentar as compras de Nadal no pequeno comercio.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.