Notas de prensa

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra gaña por unanimidade o VII Premio Aresa

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra acadou por unanimidade o VII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que promove a Universidade de Santiago de Compostela e o grupo empresarial Aresa.

O xurado reuniuse na Vicerreitoría do Campus de Lugo integrado por Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola na Universidade de Santiago; o reitor da Universidade Autónoma de Barcelona, Lluís Ferrer Caubet; o reitor de Universidade de Santiago, Senén Barro; o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre. Este premio recoñece deste xeito o pulo empresarial e a profesionalización da xestión dos produtores da Ribeira Sacra. O galardón, dotado cun diploma de mérito e 10.000 euros, será entregado en Lugo o vindeiro 12 de xaneiro.

O reitor da Universidade de Santiago e o presidente do grupo Aresa sinalaron ao remate da reunión do xurado que o galardón ao Consello Regulador recoñece a traxectoria das cen adegas e dos 2.897 viticultores da Ribeira Sacra que, integrados baixo a denominación de orixe, apostan por garantir a calidade dos seus viños. Pola súa banda o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, destacou a consolidación deste premio e a importancia da colaboración entre a universidade e empresas do sector como é no caso de Aresa.

Cúmprese así o obxectivo do Premio Aresa de recoñecer e incentivar a investigación e o desenvolvemento, así como aquelas traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras, como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida, o benestar das persoas que traballan no medio rural galego e o desenvolvemento da economía rural galega.

As últimas edicións do Premio Aresa suscitaron grande interese entre a comunidade científica galega e o empresariado. O presidente da corporación lucense, Álvaro Rodríguez Eiras, decidiu que o que nacera como actuación única de mecenado se convertese nunha convocatoria de periodicidade anual. O galardón recaeu na súa primeira edición na industria cárnica Novafrigsa (Grupo Coren), mentres no 2001 foi recoñecido o investigador Xavier Guitián Rivera, por un estudio multidisciplinar sobre a serra de O Courel. Na terceira ocasión, foi para Aula de Produtos Lácteos, centro de investigacións integrado no Instituto de Investigación e Análises Alimentarias, da Universidade de Santiago, na cuarta convocatoria foi parar a Xosé Manuel Silva Rodríguez, director xeral de Agricultura na Comisión Europea, sendo no quinto o galardón para Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. O premio do ano pasado correspondeulle ao programa O Agro-Labranza, da Televisión de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2006-12-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES